A obra poética é a auténtica memoria do poeta.
Xosé María Álvarez Cáccamo, unha das voces senlleiras da poesía galega contemporánea, sen cuestionar que realmente a obra poética dun autor é a súa verdadeira memoria, escribe estoutra memoria posible.
Literatura e vida comparten espazo en Memoria de poeta: a infancia e o mundo dos escritores amigos da familia, a primeira escrita febril e os anos universitarios, o oficio de poeta e o compromiso coa lingua, a enerxía do amor e a preocupación social.
Da década de 1960 ao movemento Nunca Máis, unha época fundamental é relatada desde a experiencia do poeta e do home.

Naceu en Vigo en 1950. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e dende 1973 exerceu de profesor de Literatura en varios institutos de Galicia. Destaca como poeta, aínda que tamén publicou relatos breves, algunha peza teatral e textos para o público infantil. Como ensaísta centrouse na poesía galega da segunda metade do século XX, con estudos como Vida de Antón Avilés de Taramancos. A comezos do 2006 publica en Galaxia as súas memoria baixo o título de Memoria de poeta.
Da súa obra lírica destacan os poemarios Luminoso lugar de abatimento, Premio Esquío 1986, e Calendario perpetuo, Premio da Crítica de Galicia 1998. Formou parte dos consellos de redacción dos suplementos Galicia Literaria de Diario 16 de Galicia e Faro das Letras de Faro de Vigo. Foi membro do Foro da Cultura e na actualidade forma parte do consello de redacción da revista Grial e do colectivo Burla Negra. Premio da Cultura Galega 2018 na modalidade de letras.