Nestes tempos nos que parece que todas as luces da industria cultural galega apagan de vez ou padecen constantes avarías nos fusibles, é hora de reinvidicar o labor colectivo na protección, construción e difusión das letras, música, teatro, cinema e prensa. Ninguén vai facer o traballo por nós. Os traballadores da cultura foron exemplares na normalización da lingua. Podemos imaxinarnos a atmosfera hostil que padeceron os que promoveron Galaxia, en pleno franquismo, abafados polo poder e polo preconcepto. Se aquelas persoas (e outras) souberon encontrar o xeito de salvar o patrimonio soterrado pola guerra e impulsar a xeración da que bebe toda a nosa literatura –Fole, Blanco Amor, Ferrín, Cunqueiro, Celso Emilio…– por que hoxe van ser as cousas diferentes. Hai talento nos creadores e editores. Debemos ser imaxinativos, pragmáticos e utópicos a un tempo, ocupar as canles ao noso alcance e reclamar o noso co alento da autoestima. Que cadaquén prenda a luz para que a claridade cegue os que nos desexan máis pobres, máis mansos, máis pequenos.