Acabamos de manifestarnos para acabar coa violencia contra as mulleres, o día 25 de novembro. Os xornais e as televisións dedicáronlle espacios para concienciar sobre esa enorme inxustiza. Existe, xa hai anos, unha Lei contra esa violencia. Diríase que a sociedade reacciona para errradicala. Vale. Pero, paralelamente, esa mesma sociedade fomenta a violencia de xénero e parece que a lei é papel mollado contra eses ataques. Moita publicidade, vídeos e películas botan por terra as boas intencións dunha Lei impotente. Voume referir hoxe á moda do vampirismo. Volve o mito romántico e faino amparado polo postmodernismo, unha volta ao irracionalismo romántico.
O Romanticismo volve ao pasado e recolle lendas populares. Neste caso do folclore dos Cárpatos. Entra na literatura da man do gran escritor romántico alemán, Goethe, que publica A noiva de Corinto no ano 1797, en versión feminina. Pero O Vampiro primeiro é de John William Polidori, médico ao servicio de Lord Byron. O vampiro, chamado na obra Lord Ruthven, representa ao famoso poeta romántico polo que Polidori, ridiculizado polo seu patrón e paciente, sentía amor e odio ao tempo. Byron era o prototipo de seductor, tanto para homes como para mulleres, malo e xenial, que fascinaba as víctimas que caían rendidas ante o seu ácido e intelixente atractivo. Polidori inicia a saga de vampiros aristocráticos, que seguirá Brad Stocken, e pasarán ao cine cos condes habitantes de fantasmais castelos.
O Vampiro é un mito machista e agresivo. O seductor só vive agredindo á muller, aliméntase chupándolle o sangue ata matala. A víctima é atraída e fascinada, non ve a maldade, cae rendida e ofrécelle o pescozo onde o seductor crava o pene-dente. É o momento do orgasmo. Non hai rebeldía na rapaza ofrecida. Hai submisión, aceptación ante o poder do home vampiro. Non hai que pensar demasiado para decatarnos de que a figura do vampiro é similar ao do noivo ou marido posesivo que necesita a submisión da moza para exercer o seu poder sexual e social. O coito é o seu paradigma de pracer e a palabra coa que vulgarmente se coñece indica o dano que provoca e o dominio que exerce. Ese dominio é o máis pracenteiro para moitos. A prostitución, o feito de ter unha muller a disposición dos actos ou caprichos que se queira, un ser despersonalizado que obedece e comprace, que dispón o pescozo como lle ordenan, é a proba dese pracer vampírico.
As novelas (A maioría escritas por mulleres. Xa teñen tema para desmitificar. O feminismo non é mullerismo) e as películas de vampiros están adestrando á xuventude actual. As mozas deben desexar ser seducidas polo guapo vampiro (que en ocasión é débil e aínda precisa comprensión) e rivalizar entre elas por conseguir ser as obxectas da posesión.
Ou sexa que o que conseguimos coa conciencia feminista, coa manifestacións en contra da violencia, por un lado, bótase abaixo coa moda que leva ás mozas a desexar ser vampirizadas.