PROXIMAMENTE Á VENDA
Se foi o xeógrafo Domingo Fontán quen lle puxo rostro ao país coa Carta xeométrica de Galicia, foi Otero Pedrayo, coa Guía de Galicia (1926), quen a dotou de palabras e historias que encheron as trazas das vilas, ríos, camiños e orografías alí debuxadas, converténdose nun intérprete para futuras xeracións que estableceron Galicia como suxeito nas súas diferentes facetas: políticas, culturais históricas e económicas.
A Guía permitiu a Otero sistematizar a súa visión de Galicia desde unha perspectiva total ao integrar xeoloxía e xeografía, paisaxe e economía, artes, cultura e evolución histórica, cunha erudición maxistral.
“Estamos ante un manual para imaxinar un país: unha Galicia luminosa. Un país que ten sentido cando prende do seu patrimonio, a súa cultura e a súa paisaxe”, en palabras de Manuel Gago Mariño, responsable desta edición, que conmemora o centenario da súa publicación.

Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) é unha das máis sobranceiras figuras da Historia da cultura galega. Membro destacado da Xeración Nós, a súa traxectoria vital e intelectual vai dende as cortes republicanas, nas que foi deputado galeguista, ata a presidencia de Editorial Galaxia, cargo que desempeñou ata a súa morte. Foi tamén presidente do Seminario de Estudos Galegos e catedrático de Xeografia na Universidade de Santiago. Otero Pedrayo foi un escritor que cultivou todos os xéneros literarios, dende a poesía ao teatro, pasando pola novela, o relato, o xornalismo e, por suposto, o ensaio. Da súa obra literaria cómpre salientar as novelas Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930) e O señorito da Reboraina (1960), os ensaios sobre a paisaxe e a cultura de Galicia, o poemario Bocarribeira (1958) e a súa achega ao eido teatral.