Nerea Pallares gaña o XXX Premio Literario San Clemente por “Punto de araña”

Categoría: Nova

Punto de araña, de Nerea Pallares, vén de gañar o XXX Premio Literario San Clemente na modalidade de lingua galega. O fallo deuse a coñecer este mércores, 28 de outubro, no IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

Este novo galardón súmase ao Premio García Barros 2025 e ao Premio Follas Novas do Libro Galego 2026 á mellor obra de narrativa. Con dez edicións desde a súa publicación en xuño de 2025, Punto de araña continúa sumando recoñecementos e conquistando novos lectores e lectoras.

O Premio Literario San Clemente, que celebra este ano a súa trixésima edición, destaca pola singularidade do seu xurado, formado por estudantes de bacharelato de dez centros educativos de Galicia, Madrid, Francia, Alemaña e Reino Unido. Un galardón que recoñece o criterio da mocidade lectora e que, neste 2026, recibiu o Premio Nacional de Fomento da Lectura pola súa traxectoria.

O xurado, representado por Xoán Telle e Martina Bolón, salientou de Punto de araña o seu estilo lingüístico e a súa eficacia expresiva á hora de retratar os modismos da fala, achegando ao público lector unha novela próxima. Tamén destacou a súa estrutura bipartita, que segue a lóxica de “tecer e destecer”, e o “simbolismo fortemente feminista” dun relato que aborda problemáticas como as drogas e o impacto do narcotráfico nas zonas costeiras.

Unha novela que segue tecendo redes

Coral, mariñeira e ferozmente poderosa, Punto de araña constrúe unha historia de resistencia e rebeldía na que as voces de tres xeracións de mulleres se entrelazan entre o encaixe, o mar e a memoria.

Unha loa ás que tecen as redes invisibles que nos sosteñen; ás mans que, en silencio, entrelazan o mundo e ás mans das amigas, rede de redes.

Con tres importantes galardóns literarios e dez edicións, Punto de araña continúa ampliando o seu percorrido e reafirmando a extraordinaria acollida dunha obra que non deixa indiferente.

O éxito deste libro tamén se estende máis alá das nosas fronteiras. Despois de chegar ao castelán e ao catalán, a novela prepara un novo salto internacional con traducións e edicións previstas en distintos países.

A obra chegará a novos lectores e lectoras da man de importantes editoriais internacionais: Knopf nos Estados Unidos, Bloomsbury no Reino Unido, Mondadori en Italia, Dalva en Francia, Antígona en Portugal, Todavia no Brasil, Beck en Alemaña, Cossee nos Países Baixos e Alexandria en Grecia.

Desde Galaxia celebramos este novo recoñecemento á forza literaria de Nerea Pallares e o extraordinario percorrido dunha obra que, nacida na nosa lingua, continúa tecendo redes cada vez máis lonxe.

©Fotografía: Daniel Katanga.

Comparte nas túas redes sociais ou por email