Ramón Piñeiro (Láncara, 1915 - Castropol, 1990) foi unha das figuras intelectuais máis relevantes da súa xeración e do século XX en Galicia. O seu labor como intelectual acabou cedendo paso a un activismo comprometido co país e coa cultura, e xogou un papel fundamental como pedagogo, ideador e estratega.
Quen foi director literario de Galaxia, resultou ser peza clave na resistencia antifranquista e cultural e na construción dunha Galicia democrática e autónoma, de par que loitou pola extensión do prestixio e dos usos da lingua de noso, contribuíndo coa súa obra a crear un pensamento galego propio, promovendo a análise da economía do país e impulsando un segundo rexurdimento da literatura galega despois da guerra.
Nesta obra, Beatriz García Turnes ofrece unha biografía actualizada que recolle as novidades e os achados que se foron facendo nos últimos anos ao redor do galeguista de Láncara.

Beatiz García Turnes (Santiago de Compostela, 1973) é doutora en Filoloxía Galega. Escribe dende adolescente e gañou premios como o Repsol de relatos curtos, o Camilo José Cela e o Minerva. A súa primeira novela, Valdamor (Galaxia, 2001), recibiu o Premio Lecturas da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). En Editorial Galaxia publicou tamén o discurso para as Súas Maxestades n’O libro dos Reis Magos (2012).
É autora das monografías A lingua galega entre 1875 e 1916. Situación social e consciencia idiomática (2004) e Vida e obra de Ramón Piñeiro (Galaxia, 2009). Tamén é coautora do Diccionario gallego-castellano, castellano-gallego (Galaxia, 2001) e do ensaio Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas (2016). Nos últimos anos publicou O ouro das lúas (Galaxia, 2018), destinada tamén ao público xuvenil, e Esta noite hei de ir a verte (Galaxia, 2021), que coñece xa catro reimpresións.