A Academia Xacobea en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e o patrocinio de Aluminios Cortizo S.U.L, convoca o IV Premio de Novela Camiño de Santiago cuxa obra gañadora será publicada pola Editorial Galaxia, co fin de promover e divulgar o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo, de acordo coas seguintes:
1. A este premio poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen cunha novela escrita en castelán ou galego, conforme ás normativas establecidas, en cada caso, pola Real Academia Española e a Real Academia Galega. Os autores e autoras só poderán enviar unha obra a concurso, que deberá ser orixinal e inédita en todos os formatos, total e parcialmente, e non poderá ter sido premiada noutros concursos. Non se considerarán obras orixinais aquelas concibidas ou elaboradas empregando ferramentas de Intelixencia Artificial Xenerativa.
2. Será outorgado un único premio dotado con TRES MIL EUROS (3.000,00 €) suxeitos ás retencións legais que resulten aplicables. O gañador ou gañadora recibirá tamén un diploma acreditativo e verá a súa obra publicada pola Editorial Galaxia en galego como un libro máis do seu catálogo, e en castelán como unha publicación dixital dentro do selo Mar Maior. A contía do premio inclúe a adquisición dos dereitos da primeira edición (publicación, distribución e explotación) en castelán e galego do texto gañador. Estes dereitos corresponden, en exclusiva, á Academia Xacobea, que publicará a obra a través da Editorial Galaxia S.A. ou cunha empresa do seu grupo. Ademais, farase entrega de vinte e cinco exemplares ao autor ou autora gañadora.
Así mesmo, poderase designar un accésit sen dotación económica para a mellor obra literaria presentada na lingua que non obteña o primeiro premio, á que se concederá tamén diploma acreditativo.
O premio poderá declararse deserto sempre que o xurado considere que os orixinais presentados non reúnen a calidade suficiente.
3. O Camiño de Santiago será o tema referencial para a ficción narrativa, que deberá estar presente, de maneira notoria na obra na súa vertente física, histórica, cultural, social ou imaxinaria.
Poderanse presentar novelas, relatos e conxuntos de relatos. Terán unha extensión de entre 150.000 e 250.000 caracteres con espazos.
Os autores remitirán as súas obras, na forma, prazo e requisitos que se establecen a continuación:
a. As obras presentaranse en papel e en soporte dixital (lapis USB) nun sobre xeral onde conste: “IV Premio de Novela Camiño de Santiago”. O orixinal en papel será enviado en tamaño DIN A4, polas dúas caras, numeradas, grampado ou encadernado. O orixinal en soporte dixital será enviado en formato PDF ao correo electrónico da Academia Xacobea: info@academiaxacobea.gal.
b. Incluirase outro sobre pechado no sobre xeral cos seguintes datos no seu exterior: “IV Premio de Novela Camiño de Santiago”, título da obra e un lema ou o pseudónimo da persoa que sexa a súa autora. Acompañarase no interior do sobre copia do documento nacional de identidade, enderezo, número de teléfono, correo electrónico do autor ou autora, ademais dunha breve nota biográfica, e unha declaración expresa de que a obra non foi premiada ata a data de presentación en ningún outro certame literario, nin foi obxecto de publicación.
c. Ademais, deberase incluír no sobre xeneral outro escrito no que conste a conformidade do autor ou autora á cesión dos dereitos de edición en papel e dixital en castelán e galego da súa obra para o caso que resulte gañadora, incluídos os de publicación, distribución e explotación.
4. As novelas enviaranse antes do 25 de novembro de 2026 ao seguinte enderezo:
Academia Xacobea
Edificio CEM – Cidade da Cultura de Galicia.
Monte Gaiás s/n
15707 Santiago de Compostela
5. O Xurado estará composto por cinco personalidades do mundo literario designados pola Academia Xacobea, un deles, en representación da Editorial Galaxia. Actuará como secretario/a do Xurado, con voz e voto, unha persoa designada para ese efecto. A composición do Xurado darase a coñecer, con anterioridade á súa reunión, na páxina web da Academia Xacobea.
6. O Xurado actuará coa asistencia da maioría simple dos seus membros. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
7. O fallo do xurado será inapelable e farase público o 30 de decembro de 2026.
8. O premio será entregado nun acto oficial que terá lugar no ano 2027, cando a obra premiada estea publicada. No devandito acto estarán presentes representantes da Academia Xacobea e das institucións colaboradoras, da empresa patrocinadora e da editorial, así como os membros do Xurado e o gañador ou gañadora.
9. O día concreto de entrega farase público coa suficiente antelación na páxina web da Academia Xacobea: www.academiaxacobea.gal
10. Non se manterá correspondencia sobre a documentación presentada polos participantes. Os orixinais non premiados serán destruídos tras facerse pública a resolución de xurado.
11. A presentación das obras supón a aceptación destas bases por parte das persoas que participen na convocatoria, que ademais teñen o deber de comunicar á Academia Xacobea a concesión de calquera premio ou publicación que obteña a obra presentada durante o transcurso do premio e que producirá a automática exclusión da mesma.
12. A decisión sobre os aspectos non incluídos nestas bases ou aqueles que puidesen ser obxecto de interpretación, correspóndelle á Academia Xacobea, a cal, unha vez consultados os membros do Xurado e as entidades colaboradoras, emitirá ditame que será inapelable.