Miguel Anxo Fernández: contar historias para tender pontes cos lectores

Categoría: Nova

Con motivo da publicación de Buscando a Dalia, Miguel Anxo Fernández comparte algunhas das claves que están detrás da súa escrita e do regreso de Frank Soutelo, un personaxe que leva anos acompañando tanto ao autor como aos seus lectores.

A literatura, o cinema, os relatos escoitados na infancia e a propia observación da realidade mestúranse nunha maneira de entender a creación que busca entreter, pero tamén establecer pontes con quen está ao outro lado da páxina.

Estas son as palabras do autor:

UN PAR DE NOTAS…

A escrita permíteme contar historias, recrear mundos, dar ás a imaxinación. Ao tempo, transmitilas á sociedade a través dos lectores, procurando o que considero fundamental: establecer pontes con eles, atinar na comunicación. Pode que nos meus xenes conserven as pegadas dos contos escoitados cando neno, arredor da lareira na aldea de Freás de Punxín. Quizais mesturados co selo deixado polos grandes directores de cine de xénero que nutriron a miña mocidade. De resultas diso e da observación diaria, xorden tramas, interactúan personaxes que conflúen cara a desenlaces que buscan entreter, pero tamén convidar a reflexionar no tan sinistro como apaixonante xogo de enfrontamento entre o Ben e o Mal.

O sabuxo Frank Soutelo camiña parello á peripecia vital e persoal do seu creador. Nos últimos catro anos, desde a anterior A conxura do sete, aconteceron feitos que condicionaron tráelo outra vez á cita cos lectores. Soutelo pronto fará iso que a convención nomea como vodas de prata. Unha xeira na que, coa fiel compaña de Galaxia, asomamos ao panorama literario galego, co que chaman xénero policial ou novela negra, pero que observa e analiza a sociedade do momento, sen afán de prédicas nin de sacar pancartas, mais abrindo portas á esperanza a través da amizade e da solidariedade. Saco a pasear a Frank, a Sugar, a Dalia, a Poncio, a Franeiras, a Pat, a tía Castora, co ánimo de entreter e ao tempo, convidalos a que, visto o mal que anda o mundo, quizais axudemos a melloralo coa única arma eficaz da que dispomos: as palabras. Sazonadas con fortes doses de retranca. Buscando a Dalia, mentres quere ser divertida, convida a deixar espazo ao optimismo, que non é pouco.

Moi pronto, Buscando a Dalia estará nas librarías de Galicia. Desde Editorial Galaxia iremos informando sobre as novidades arredor da súa chegada ás librarías e dos próximos encontros co autor.

Comparte nas túas redes sociais ou por email