Ana Rodicio Vila asina a súa primeira novela, ilustrada por Alba Chan, unha historia arredor das pantallas, das relacións e das emocións que forman parte da vida cotiá.
A Serxio non lle gusta posar para as redes sociais de súa nai nin que seu pai pase as noites xogando co móbil en vez de botar con el unhas canastras. Tampouco lle gusta que os seus compañeiros estean todo o día a fachendear entre eles.
Pero, cando chega unha ponte no colexio, o que máis lle apetece é chegar á casa e mergullarse no seu videoxogo preferido.
Así comeza Vida en rede, unha historia na que unha tarde aparentemente tranquila acaba converténdose nun nuboeiro de emocións e contratempos que poñerán a Serxio a proba.
A novela achégase a unha realidade moi presente no día a día: a relación coas pantallas e todo aquilo que sucede ao seu redor. Sen renunciar á tecnoloxía, a historia convida tamén a mirar cara aos vínculos, ao tempo compartido e á vida que acontece máis alá dunha pantalla.
Vida en rede é a primeira novela de Ana Rodicio Vila, mestra de Educación Primaria e licenciada en Psicopedagoxía, que atopa na vida cotiá co alumnado unha fonte de inspiración para a súa escrita.
As ilustracións son obra de Alba Chan, ilustradora, debuxante de cómics e creadora de contidos, especializada en ilustración e banda deseñada en O Garaxe Hermético. A súa obra explora especialmente os vínculos emocionais entre os personaxes, a tenrura e a proximidade.