A volta ás aulas con Galaxia: consulta os catálogos do Plan lector para o curso 2026/2027

Categoría: Nova

Co inicio do novo curso escolar, Editorial Galaxia pon ao alcance da comunidade educativa os seus catálogos do Plan lector para o curso 2026/2027: un dirixido a Infantil e Primaria e outro destinado a Secundaria.

Os dous catálogos reúnen unha selección de títulos pensada para facilitar o labor do profesorado, das bibliotecas escolares e das persoas responsables dos clubs de lectura á hora de preparar as súas propostas lectoras para o novo curso.

O catálogo do Plan lector de Infantil e Primaria organiza as recomendacións por etapas: Infantil, 1º e 2º de Primaria, 3º e 4º de Primaria e 5º e 6º de Primaria. A selección incorpora álbums ilustrados, narrativa, teatro, banda deseñada e obras de divulgación, ademais de propostas en formato audioconto e lectura fácil.

Entre os títulos recollidos atópanse novidades como “Un porquiño polo San Martiño”, Premio Alberte Quiñoi de Álbum ilustrado, de Macarena G. Vicente e Iria Bermúdez; “Croco”, de Irene Alonso Gasalla, ilustrado por María María Rey Noya; “Iceberg”, de Carlos Labraña, ilustrado por Sara Romero; “Operación Morcego”, de Mara Méndez; “Cando o mundo é azul”, VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, de Óscar Reboiras, ilustrado por Carolina Nickelle Lois; “Bonecas”, Premio O Facho de Teatro, de Raquel Castro, ilustrado por Eva Agra (Komorevi); “Vida en rede”, de Ana Rodicio, ilustrado por Alba Chan; “Nenapingüín”, Premio Carlos Mosteiro 2025, de Daniel Landesa, ilustrado por Miki Momchi; ou “Un mar de preguntas”, de Javier García Galdo, ilustrado por Roque Araújo Rey. O catálogo tamén reserva un espazo para a obra infantil de Carlos Casares.

Pola súa banda, o catálogo do Plan lector de Secundaria presenta unha ampla proposta de narrativa xuvenil e para público adulto, lectura fácil, audiolibros, divulgación, banda deseñada e teatro. A selección inclúe obras pertencentes a coleccións como Bitácora, Costa Oeste, Ronsel, Literaria ou Banda Deseñada.

Nas súas páxinas poden atoparse títulos como “Místicas. Curso do 34”, Premio Neira Vilas 2026, de Álvaro Domínguez; “Odio”, Premio Neira Vilas 2025, de Gabriel Romero; “Reencontro”, de Fred Uhlman; “Unha historia de amor como outra calquera”, Premio Raíña Lupa Xuvenil 2024, Premio Follas Novas de Literatura Xuvenil 2026, de Rosa Aneiros; “Pontealbar”, de Adrián Noia; “Runrún”, de Ana Varela; “Punto de araña”, Premio García Barros 2025, Premio Follas Novas de Narrativa 2026, de Nerea Pallares; “Illa de sangue”, Premio de Narrativa Breve Repsol, de Carmen V. Valiña; “O mar que me levou”, de Silvia Fernández Recouso; ou “Os rapaces só se tocan para darse de hostias”, Premio de Teatro Vidal Bolaño 2025, de Iván Caloto, entre outras propostas.

Os dous catálogos ofrecen información detallada sobre cada obra. Con estas dúas publicacións, Editorial Galaxia pon ao alcance da comunidade educativa unha ferramenta de consulta para coñecer as propostas editoriais dispoñibles e preparar os itinerarios de lectura do curso 2026/2027.

Consulta os catálogos:

Plan lector de Infantil e Primaria

Plan lector de Secundaria

Comparte nas túas redes sociais ou por email