A maxia das bibliotecas cobra vida co espectáculo de Tanxarina

Categoría: Nova

Hoxe, 24 de outubro, celebramos o Día das Bibliotecas, espazos que gardan e espallan o coñecemento, a lectura e a liberdade.

Baixo o lema “Contra a desinformación: bibliotecas”, esta edición lembra o seu papel esencial na defensa da verdade e do pensamento crítico.

Desde Editorial Galaxia sumámonos á celebración cunha homenaxe moi especial: o espectáculo “A biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica”, creado por Tanxarina Compañía de Títeres e Carlos Labraña.

Nesta comedia chea de humor, aventuras e monicreques, o rato bibliotecario Ramón Lamote enfróntase á IA que quere borrar a imaxinación. A adaptación teatral da novela de Carlos Labraña é un canto á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, dirixida aos centros de ensino.

Tanxarina, compañía galega con máis de corenta anos de traxectoria, volve demostrar o seu talento para unir arte, reflexión e entretemento.

Unha homenaxe ao poder da palabra e á maxia que habita en cada biblioteca.

Comparte nas túas redes sociais ou por email