Celebrada en Vigo a presentación de “Un intre no tempo. Poesía reunida. 1967–2017”, de Xosé Luís Franco Grande

Categoría: Nova

A Casa Galega da Cultura, Fundación Penzol, acolleu onte, pola tarde, a presentación de Un intre no tempo. Poesía reunida. 1967–2017, un volume que recolle a obra poética completa de Xosé Luís Franco Grande, nunha edición ao coidado de Teresa Seara.

O acto contou coa participación de Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega; Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol; Sandra González, alcaldesa do Concello de Tomiño; Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia; Teresa Seara, editora da obra; e Navia Franco e Rosalía Franco, fillas do homenaxeado. Personalidades como Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, acompañaron coa súa presenza o evento.

Esta presentación converteuse tamén nunha homenaxe á traxectoria e á voz poética de Franco Grande, integrante da xeración das Festas Minervais e colaborador histórico do proxecto cultural de Galaxia, que fixo da lingua e da reflexión sobre o tempo e a identidade o eixo da súa creación literaria.

A edición reúne os catro poemarios publicados polo autor —Entre o si e o non (1967), O tempo á espreita (1987), Xoguetes do tempo (2015) e Libro das abandonadas (2017)— e ofrece un percorrido vital e literario pola súa procura da identidade, dende o existencialismo e o fatalismo dos primeiros anos ata a paixón e o desamor da súa etapa final.

Comparte nas túas redes sociais ou por email