Xaneiro de 2010. O pai da autora conta que lle pediron saliva para identificar un seu curmán, soterrado nunha fosa común en Valencia. Guerrilleiro comunista, morto en 1947. Nunca lles falaran del; descoñecían a súa existencia. Sobre a guerra, as bocas estaban cosidas.
A partir destes silencios, a novela reconstrúe a vida de Antonio G., seguindo os seus pasos na familia, “desbridando a cicatriz”, a través da documentación e mediante a imaxinación, desde a adolescencia en Doña Mencía (Córdoba), á participación nos Fillos da Noite ¬—partisanos entre 1936 e 1939—, aos campos de concentración e á guerra despois da guerra. As feridas herdadas entretécense coas colectivas, as penurias dos xornaleiros, a fame, a represión.
Unha obra onde a prosa de Marilar Aleixandre, co seu lirismo contido, ten a capacidade de dar voz aos ecos do pasado, nunha atmosfera impregnada do peso do silencio e da memoria.

A andaina poética de Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) iniciábase a finais da década dos anos noventa coa publicación de Catálogo de velenos (Premio Esquío) e continuaba con Abecedario de árbores (2006) e Mudanzas (Premio PEN–
-Caixanova, 2007) —volumes recollidos en Mudanzas e outros velenos (Galaxia, 2017)— ou Desescribindo (2016). Entre as súas achegas no eido da narrativa destacan As malas mulleres (Galaxia, 2021), novela recoñecida co Premio Eduardo Blanco Amor e co Premio Nacional de Narrativa, e As bocas cosidas (Galaxia, 2025), co que este poemario dialoga.