No volume, editado na colección Feminismos da Editorial Galaxia, as investigadoras da UVigo revisitan o papel das mulleres desde a Prehistoria ata o século IV.

Editorial Galaxia reafirma o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica das mulleres a través da publicación de Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?, un libro que reúne os traballos de oito investigadoras vinculadas á Universidade de Vigo. O obxectivo deste volume, froito da colaboración entre a Universidade de Vigo, é desmontar os relatos tradicionais e outorgarlle ás mulleres o protagonismo que lles corresponde na historia, un labor iniciado por historiadoras pioneiras que, como lembra a catedrática da UVigo e coordinadora do libro, Susana Reboreda Morillo, foron durante anos invisibilizadas no seu traballo.
Esta obra supón unha revisión histórica desde unha perspectiva de xénero, abarcando un amplo período que vai desde as cavernas ata a Roma imperial. Ao longo de cinco capítulos, as autoras desvelan realidades ocultas e cuestionan os tópicos construídos arredor da figura da muller na historia.
Un compromiso firme coa igualdade e a divulgación histórica
Na presentación do volume, celebrada no edificio Redeiras da UVigo, a directora da Unidade de Igualdade da Universidade, Yolanda Rodríguez Castro, agradeceu a implicación de Galaxia neste proxecto. A editorial, que cumpre este ano o seu 75 aniversario, reafirma así a súa aposta pola publicación de obras que contribúan ao avance na perspectiva de xénero.
Neste sentido, María Pereira, directora de Merlín Comunicación, destacou a importancia de dar visibilidade á historia das mulleres e subliñou que a presenza feminina no catálogo da editorial é cada vez maior. Pola súa banda, María Quintiana, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, puxo en valor esta colaboración entre a Universidade e Galaxia como unha aposta fundamental para cambiar a forma de contar a historia, afastándoa de roles e estereotipos.

Unha obra rigorosa que interpela o relato histórico tradicional
As autoras do volume, Claudia Alonso Moreno, María José Bravo Bosch, Andrea Mouriño Schick, Beatriz Comendador Rey, María Eugenia Muñoz Fernández, Alba Antía Rodríguez Nóvoa, Patricia Valle Abad e Susana Reboreda Morillo, estruturan o libro en cinco capítulos que percorren distintas épocas e culturas. O primeiro, Centrifugando a Cavewoman, rompe cos estereotipos sobre a muller na Prehistoria, mentres que o capítulo dedicado a Exipto, (A muller) É un campo útil para o seu señor, analiza o papel da muller no antigo Exipto desde unha perspectiva crítica.
En Os rituais relixiosos como espazo de poder feminino, as autoras exploran a importancia dos rituais na Grecia clásica como espazo de autonomía das mulleres. O capítulo seguinte, Era un mundo de homes? Venturas e desventuras, revisa a posición da muller na Roma antiga, cuestionando a idea dun mundo exclusivamente masculino. Finalmente, a obra pecha con Exeria, unha escritora galega exemplar, dedicado á figura da peregrina da Galaecia, pioneira na transferencia do coñecemento sobre as súas viaxes.
Con esta publicación, Editorial Galaxia reafirma o seu compromiso na divulgación da historia con perspectiva de xénero, promovendo obras que permiten entender o pasado con novos ollos e avanzar cara a unha narrativa máis xusta e inclusiva.