O venres 14 de marzo, celebrarase, ás 13 h, no Edificio Redeiras da Uvigo, unha rolda de prensa arredor do libro Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?, coordinado por Susana Reboreda Morillo.
Acompañando a coordinadora, estarán María Quintiana, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia; Yolanda Rodríguez Castro, directora da Unidade de Igualdade da UVigo; e María Pereira Otero, directora de Merlín Comunicación.
A historia, durante séculos, escribiuse case sempre cunha soa tinta: a masculina. Así o demostran traballos como Contáronme un conto mal contado, publicado na colección Feminismos de Editorial Galaxia, onde un grupo de historiadoras da Universidade de Vigo mergúllase nas ausencias femininas desde a Prehistoria ata a Antigüidade, desmontando tópicos e poñendo en cuestión eses relatos únicos que tantas veces se deron por certos.
As mulleres, afastadas moitas veces do primeiro plano, participaron en todas as esferas da vida; foron creadoras, labregas, guerreiras, sacerdotisas, comerciantes ou viaxeiras. Esta obra é un acto necesario de xustiza histórica, pero tamén unha invitación a mirar con outros ollos os relatos que herdamos e a reivindicar unha historia máis ampla e plural, onde as mulleres non sexan figuras excepcionais, senón parte central da trama.
Este volume é o máis recente da colección Feminismos de Editorial Galaxia, que se reafirma como un espazo de referencia para o pensamento feminista. Xunto a esta publicación, outros libros amplían a análise e o debate sobre os distintos aspectos do feminismo e da igualdade.