Convócase o XVII Premio de Narrativa Breve Repsol

Categoría: Nova, Blog
  • O obxectivo desta iniciativa impulsar e reforzar a creación de literatura en lingua galega e promover o seu uso social, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística.
  • O anuncio do lanzamento da nova edición tivo lugar na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, onde o secretario xeral de Política Lingüística, a xerente da Área Institucional de Fundación Repsol e o director xeral da Editorial Galaxia fixeron entrega dunha colección das obras galardoadas en pasadas edicións.
  • Ao longo das súas edicións o Premio Narrativa Breve Repsol consolidouse como un certame de referencia no panorama das letras galegas, sendo dezaseis as novelas publicadas e cerca de 500 as obras que se presentaron ao concurso desde a súa creación.

A Fundación Repsol e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convocan a XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol co obxectivo de impulsar e reforzar a creación de literatura en lingua galega e promover o seu uso social, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística.

O anuncio do lanzamento da nova edición tivo lugar na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, onde o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a xerente da Área Institucional de Fundación Repsol, Mercedes Gómez Badiola, e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, fixeron entrega ao centro de lectura dunha colección das obras galardoadas en pasadas edicións. Desta maneira a Biblioteca Juan Compañel poderá ofrecer e acercar aos seus preto de 1.000 visitantes diarios a lectura e calidade de quince novelas premiadas ao longo das edicións.

Esta entrega forma parte do proxecto “Bibliotecas Galegas coa Narrativa Breve Repsol” co cal Repsol está a distribuír unha colección para cada unha das 300 bibliotecas públicas que conforman a Rede da Xunta de Galicia. En total 4.500 exemplares do Premio editados por Editorial Galaxia que van permitir reforzar e facer máis visible a creación e talento literario dos autores, verdadeiros artífices do galardón.

Ao longo das súas edicións o Premio Narrativa Breve Repsol consolidouse como un certame de referencia no panorama das letras galegas, sendo dezaseis as novelas xa publicadas e cerca de 500 as obras que se presentaron ao concurso desde a súa creación.

Para a XVII edición a dotación económica do Premio ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia. A obra gañadora se dará a coñecer no mes de setembro e as bases de participación desta última convocatoria están dispoñibles nas webs de fundacionrepsol.com e acoruna.repsol.es. As obras poderán enviarse ata o próximo 31 de xullo.

O Premio Narrativa Breve Repsol: contando historias desde 2006

O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo Industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega.

No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.

Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande conseguiu este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, conseguiu un accésit por O insomnio dos centauros. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Ángeles Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón por A verdade como mal menor. Na edición 2010 o premio foi para o escritor, Xurxo Sierra, pola súa obra Os Fios. Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011. En 2012, o galardón foi para A forma dás nubes, de María López Sandez; mentres que no 2013 a novela curta gañadora foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. No 2014 Santiago Lopo conseguiu o premio grazas á súa obra A Diagonal dos Tolos e no 2015 a novela galardoada foi Fontán do vigués, Marcos Calveiro. Daniel Asorey converteuse no gañador da edición de 2016 con Nordés. O xornalista, escritor e profesor, Xosé A. Neira Cruz, obtivo o galardón por O sono das sereas no 2017 e o monfortino, Antón Lopo, gañou no 2018 pola súa obra Extraordinario.

Nas edicións de 2019 e 2020 foron galardoados dous novos escritores galegos: Gonzalo Hermo pola súa obra Diario dun enterro e Berta Dávila converteuse por segunda vez en gañadora deste galardón coa súa novela breve Illa Decepción. No 2021, a novela Eternity do escritor Xosé Monteagudo foi a obra elexida polo xurado para obter o premio, e no 2022 o xornalista e escritor, Alberto Ramos, é o último gañador pola súa novela Os corpos dos Romanov, que se atopa actualmente dispoñible en librerías tras a súa publicación en decembro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email