María Xosé Porteiro reivindica a Begoña Caamaño como referente do xornalismo galego

Categoría: Uncategorized, Nova

No marco das Letras Galegas 2026, celebramos a publicación de Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía, da xornalista e escritora María Xosé Porteiro. Unha obra que reivindica a figura dunha das voces máis comprometidas do xornalismo galego e que nos convida a reflexionar sobre o papel das mulleres na historia da nosa cultura e das nosas letras.

Escrita desde a mirada próxima dunha compañeira de profesión e amiga, a obra reconstrúe un itinerario marcado pola defensa dun xornalismo independente, veraz e cunha fonda vocación social, atento ás realidades laborais, internacionais e culturais. No centro da narración sitúase tamén o compromiso de Caamaño coa igualdade e cos dereitos das mulleres, dimensión clave do seu pensamento e da súa práctica profesional, ligada á súa participación activa no movemento feminista.

A propia autora compártenos, en primeira persoa, as claves deste libro que vai moito máis alá dunha biografía: anécdotas, reflexións e unha mirada ao lugar que ocupa Begoña Caamaño na historia da literatura xornalística galega, ao carón de figuras como Cunqueiro ou Xohana Torres, e de todas aquelas mulleres que en Galicia foron á vez xornalistas e literatas.

🎥 A propia autora explícanos as claves do libro. Preme aquí para ver o vídeo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email