'Un pozo moi fondo' presentouse na Estrada

Categoría: Nova

(As fotos son cortesía da revista www.catrogatos.com)
Onte pola tarde no Museo do Moble e da Madeira (MOME) o Doutor Jose Luis Iglesias Diz, médico no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago na unidade de pediatría e profesor asociado de Ciencias da Saúde, presentou o seu libro 'Un pozo moi fondo. Anorexia, bulimia e outros trastornos da conducta alimentaria'. Esta é a cuarta presentación que facemos deste volume e, como nas tres anteriores, foi un éxito de público e de vendas. Ao tempo, xurdiu un animado coloquio despois de que o doutor explicase que son os Transtornos da Conduta Alimentaria, como recoñecer os síntomas, como actuar, e como sair dese pozo do que, con axuda, é posible sair.
Xunto con él estiveron Kim Llobet, como representante das ANPAS da Estrada, Oscar Rancaño, concelleiro de Sanidade, José López, alcalde da Estrada, Francisco Castro, pola Editorial Galaxia e Enrique Otero, director do Colexio Nosa Señora de Lourdes como representante dos centros escolares.
Francisco Castro, comentou que estamos diante dun libro rigoroso e ao tempo ameno e moi claro. O que se lle pediu ao doutor Iglesias Diz é que se esforzase por darnos unha explicación que puidese entender todo o mundo arredor dos TCA.
Durante o acto, o doutor, a través dunha coidada presentación que fixo axudado cun canón para proxectar as diapositivas, explicou, dun xeito ameno e doado, todo o que cómpre saber para recoñecer e tratar esta clase de transtornos. Finalmente, o público realizou unha morea de preguntas que o doutor Iglesias Diz, coa súa amabilidade habitual, contestou.

Comparte nas túas redes sociais ou por email