'Ós meus pratos lles pido que sexan comestibles mentres que as miñas imaxes deliciosas'

Categoría: Nova

Andrea Costas foi a encargada das fotografías para o proxecto 'Cociñando ao pé da letra'.
Con ela mantivemos esta conversa.

– ¿Qué foi o máis difícil do teu traballo?
Neste caso o que resultou mais complicado foi traballar directamente nas casas da xente, nuns espazos tan adaptados á tarefa específica para a que foran deseñados, ou sexa cociñar. A maioría das cociñas non teñen moi boa luz e están abocadas contra unha parede. Foi todo un aprendizaxe de velocidade, iluminación e ata contorsionismo… Tamén foi decisiva a labor de equipo, xa que Yolanda axudaba moito a que os "modelos" se sentisen cómodos entre os flashes que enchían as súas casas ou as miñas demandas de repetir lentamente algún movemento inesperado. Supoño que para eles debeu ser bastante raro facer algo sumamente habitual, nun lugar totalmente cotián, dunha forma tan excéntrica. Pero a verdade é que todos fixeron gala dunha enorme hospitalidade, paciencia e xenerosidade e, nalgúns casos, incluso valentía ante as miñas propostas de retrato.

– O libro reflexiona sobre as semellanzas entre a escrita e a cociña. Pero a fotografía tamén ten moito de artístico, ¿non é?
A fotografía foi considerada unha ferramenta para a creación artística dende o seu nacemento hai case 200 anos, aínda que foi a partires dos anos 80 que se consolidou como forma predominante da arte contemporánea. Persoalmente opino que practicamente calquera cousa que se faga require a súa dose de creatividade e innovación -aínda que poida ser a un nivel íntimo máis que social-. Inventar unha secuencia narrativa, unha imaxe especial, un sabor agradable ou calquera outra cousa, todos son procesos que requiren práctica e bo criterio á hora de combinar pequenos elementos para formar un conxunto coherente e interesante.

– ¿Foron bos modelos?, ¿coquetos/as de máis?
Foron xenerosos e entregados e tamén uns magníficos anfitrións. Foi un pracer coñecelos e ter o privilexio de escoitalos en confianza cun café ou un viño entremedias. Unha sorte incrible que me ensinaran as súas casas e trataran de explicarme as súas formas de vivir, de escribir e de ser, para que se me ocorrera algo que os reflectira. Así a todo ás veces tamén me tocou facerme valer, aínda que tratei de facelo contando coa complicidade de todos os implicados. En canto ao da coquetería, está claro que, por unha banda, todo o mundo quere verse ben, e por outra, que entre tantas fotos como fixemos (arredor de 5.000) é imposible sair ben en todas. Pero todo o mundo confiou no noso bo criterio á hora de escoller. Porque a escolla -unha criba previa feita por min e outra inda mais selectiva levada a cabo polos deseñadores do libro- resulta tan fundamental coma o momento de facer as fotos ou incluso máis difícil.

– ¿A que fotógrafo/a da historia sentarías á túa mesa?
Encantaríame presenciar un debate de sobremesa entre a fotógrafa surealista dos anos 20-30s Claude Cahun e a artista fetiche dos 80-90 Cindy Sherman. Ambas tratan temas parecidos en épocas totalmente diferentes e cun recoñecemento do seu traballo diametralmente oposto; unha totalmente denostada e a outra idolatrada…

– ¿Qué che parece máis difícil, cociñar ou fotografar?
Paréceme difícil facer calquera cousa ben feita. Eu apáñome nas dúas materias, aínda que a vara de medir está situada a alturas moi distintas. Ós meus pratos lles pido que sexan comestibles mentres que as miñas imaxes deliciosas. Así que para min é mais difícil a fotografía. Supoño que para un chef que fai fotos por lecer a cousa será xusto ó contrario. O que se me escapa máis é a escritura, pero non hai tempo para practicar tódalas disciplinas!

Comparte nas túas redes sociais ou por email