'Camiñantes' de Marcelino Agís, sae en ruso

Categoría: Nova

Estes días, o libro Camiñantes. Un itinerario filosófico que a nosa editorial publicou dentro da súa colección de Ensaio, chega á lingua rusa. Co gallo deste fito, mantivemos unha conversa co seu autor.

PREGUNTA: Que significa para ti ver o teu libro traducido ao ruso?
RESPOSTA: Para min é unha satisfacción ver como unha obra de pensamento, publicada orixinalmente en galego, interesa ao público ruso (antes xa se traducira e publicara en castelán). Puiden comprobalo na presentación que fixen na Universidade Estatal de Humanidades de Rusia en Moscova o pasado 27 de setembro. A filosofía nace nun determinado contexto cultural (o do autor), pero se ten fondura a súa vocación é universal.
P: O teu libro fala da felicidade. É posible chegar a ela hoxe en día ou é só unha quimera inalcanzable?
R: Falando en termos absolutos a felicidade, como moitos outros asuntos, é inconcebible neste mundo. Se cadra, por iso, introducín no epílogo do libro un novo concepto que chamei a "felicidade sostible": aqueles intres de benestar e ledicia que sumados permiten falar dunha vida realizada, ou vida boa.
P: Os filósofos clásicos falaban da felicidade como algo que só podía ser dende a filosofía. Sen embargo, esta disciplina cada vez ocupa menos importancia no conxunto social. Daquela, que facemos? R: Retomo ata certo punto esta idea cando poño dous exemplos de "felicidade sostible": a amizade e o coñecemento. Son formas de ser e de estar no mundo auténticas e por iso valores imperecedoiros e pracenteiros. Cómpre tan só un pouco de sensibilidade para poder aprecialos.
P: Que esperas que aporte o teu libro aos novos lectores que, dende esta nova lingua á que o teu libro se traduce, se acheguen a el?
R: Quixera, en primeiro lugar, que soubesen que hai unha cultura escrita en galego. Falo diso na autobiografía que me pediu a editorial para presentarme ao público ruso. En segundo lugar, quixera que coñecesen a través do libro unha mostra da filosofía actual escrita na nosa lingua. E, por último, que o libro dea lugar a intercambio entre ambas tradicións culturais e os seus representantes actuais. En parte, este foi tamén un dos obxectivos da viaxe a Moscova.

Comparte nas túas redes sociais ou por email