Xosé Antonio Neira Cruz fíxose hoxe co XI Premio de Narrativa Breve Repsol pola obra O sono das sereas. Na súa decisión, o xurado pon de relevo o “desenvolvemento que presentan as personaxes, a estrutura da novela, perfilada a partir de tres voces que van encadeando unha ficción de intriga e misterio, a súa linguaxe fluída e a intención da novela de dirixirse a un público moi aberto”

O xurado estivo formado por Daniel Asorey, gañador da edición anterior, Marilar Aleixandre, académica da Real Academia Galega, Mercedes Queixas Zas, secretaria da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia.

O premio está organizado pola Fundación Repsol coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A obra será publicada por Editorial Galaxia no próximo mes de novembro.

Xosé Antonio Neira Cruz (Santiago  de Compostela, 1968) é xornalista, escritor e profesor de Xornalismo no Departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e un dos autores de libros dirixidos a público infantil e xuvenil máis relevantes do panorama galego actual. Ademais das súas publicacións de índole científica, escribiu máis de 30 obras de creación literaria, polas que recibiu distincións e premios nacionais e internacionais, como o Premio Merlín (en dúas ocasións), o Barco de Vapor (en dúas ocasións), a Raíña Lupa da Deputación da Coruña, o Barriga Verde e Manuel María de teatro (da Axencía Galega deas Industrias Culturais AGADIC), o Fiz Vergara Vilariño de poesía do Concello de Sarria, o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Munich (en tres ocasións), entre outros. Entre as sús últimas obras publicadas na Editorial Galaxia destacan O prodixio dos zapatos de cristal, Jan estivo aquí, Unha chea de familias, Un bico de amor e vida, O armiño dorme, O debut de Martino Porconi ou Eu son adoptada.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR