A Editorial Galaxia lanza o primeiro Reto Lector destinado a fomentar a lectura en galego entre os adolescentes e as adolescentes. Cun formato novidoso no que os rapaces se converten en vloggers (video blogger) literarios, intentamos mediante esta proposta introducir aos máis novos no mundo dos libros.

Poderán presentarse ao premio as rapazas e os rapaces de entre 12 e 16 anos. Para participar, só terán que enviar ao mail galaxia@editorialgalaxia.gal dous vídeos nos que se dea conta da lectura de dous libros da Editorial Galaxia de calquera das súas coleccións de narrativa para todas as idades: Árbore, Costa Oeste e Literaria. Os vídeos non poderán exceder os dous minutos de duración.
Durante eses dous minutos, os rapaces deben comentar o contido da obra, os aspectos que máis lles gustaron e as razóns polas que recomendarían a súa lectura. Un xurado composto por quince nenas e nenos de entre 12 e 16 anos será o que valore todos as propostas fixándose principalmente no poder de persuasión dos participantes, na súa claridade expositiva e na creatividade da gravación.
A rapaza ou rapaz gañador recibirá un Ipad de última xeración. Ademais, haberá cinco lotes de libros coas últimas novidades da Editorial para os cinco seguintes clasificados. O prazo de entrega dos vídeos estará aberto ata o día 31 de maio, e o fallo do xurado farase público o 12 de xuño.
A través desta iniciativa, a Editorial Galaxia pretende fomentar a lectura en galego entre un sector clave da nosa sociedade: os adolescentes. Para facelo, proponlles aos participantes que tiren rendemento das ferramentas dixitais e do seu potencial como medios de transmisión e difusión lingüística e cultural.

Consultar as bases aquí.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR