Tertulia arredor do libro MATERNOSOFÍA de Inma López Silva

Categoría: Nova

Mañá mércores e dentro dos actos da Feira do libro da Coruña, a escritora Inma López Silva manterá unha conversa con Olivia Tudela e co escritor e editor Francisco Castro arredor do seu libro MATERNOSOFÍA.

Neste diario dunha escritora que vive por primeira vez a experiencia da maternidade non se pretende dilucidar ese misterio nin ningún outro. Tampouco o da vida, nin moito menos o da escritura. Se é que son misterios. Cunha linguaxe coloquial, como quen dialoga permanentemente con quen le, o texto flúe ameno, enxeñoso, burlón. Non se trata de exaltar a maternidade senón de exaltar a escritura que dá algo a nacer. Realista, lúcido, reflexivo, bastante desmitificador. Nove meses de sensacións, impresións e cambios: gozar e sufrir coma nunha novela con final feliz. Unha declaración de principio: no parto está a sabedoría. A escritura detense aí, non se pode dicir máis: a historia sae á luz no libro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email