Regala historias no Día do Libro

Categoría: Nova

Hoxe, 23 de abril, celébrase como cada ano o Día do Libro, e que mellor forma de celebralo que regalando historias? Os libros teñen esa capacidade que semella inverosímil de conmover, alegrar, entristecer ou chegar á xente dunha forma especial. O Día do Libro non é máis que unha mostra da clara necesidade da nosa sociedade de facer ver que hai un mundo cheo de posibilidades entre as páxinas dun libro. Un mundo que se atopa por veces afastado, e outras ben próximo, dos problemas do cotiá, da rutina incesante e do día a día. O libro como unha pausa, un descanso, un lugar dende o que ollar o mundo.
É por isto que non hai mellor agasallo no día de hoxe que unha historia. E para facilitarte o traballo, aquí tes unha selección con moitas das novidades que Galaxia ten preparadas para ti!
Para todos aqueles que queiran mergullarse de cheo nunha boa novela, as opcións son moi amplas. Para os amantes dos libros policíacos unha recomendación clara é O último barco, de Domingo Villar. A última entrega da serie do inspector Leo Caldas, despois de Ollos de AugaA praia dos afogados. Chea de misterio e reflexión produto de anos de traballo. Por outra banda, Por puntos, Premio Blanco Amor 2018, de Manuel Portas, amosa o retrato sentimental, traxicómico e incluso acedo e corrosivo dunha realidade cotiá que non deixa de sorprendernos. Destinada aos amantes da mestura entre ficción e realidade, Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez. Unha obra que deixa no aire máis preguntas que respostas nas súas múltiples lecturas, cun estilo no que resalta a pulcritude expresiva e o dominio da palabra con doses de humor e atmosferas delirantes. Completamente distinto, Tres minutos no aire, unha compilación das colaboracións que Miguel Anxo Murado mantiña no programa Diario cultural da Radio Galega. Unha serie de artigos que, ao ser pensados para ser ditos “preservan en algo a voz de quen os escribiu e dixo”.
Para os máis cativos propoñémosvos catro apostas que non deixarán indiferente a ningún pequeno. Por un lado, A casa do paralelo 54, un libro de Iria Collazo López, que debuta na literatura infantil, onde a imaxinación non ten límites e as cousas máis raras suceden coma se fosen normais. Por outro, Que lles pasa ás princesas? de Felicia Redondo, no que as protagonistas, as princesas de toda a vida, están fartas de facer sempre o mesmo. Unha mostra de revolución, de descontento co cotiá e o establecido para amosar unha perspectiva diferente aos contos de fadas habituais. No marco do misterio temos a primeira novela de Antonio Seijas, O soño da serpe, unha aventura repleta de soños, autocoñecemento e historias que se entrecruzan ata o fin. Cun estilo máis poético e artístico, Cidade cemento, de Ana Santiso. Unha suma de ilustracións que te levan a esta cidade na que hai un ceo de fume e xente que vai pola rúa ensumida. Pero se o que buscas é un libro con ritmo, Galaxia presenta varias opcións: Bravas, o rexurdir da luz. Unha obra na que a Gramola Gominola trata de ensinar aos rapaces a través do rock & roll como enfrontarse ao acoso escolar, a defender a lingua, a visibilizar as emocións… Tamén deste estilo, Canta, miña pedra, canta, de Xoán Curiel, co que os nenos poderán achegarse á cultura galega coñecendo máis en profundidade a figura de Antonio Fraguas, o galardoado polo Día das Letras Galegas 2019. Nesta mesma liña atopamos tamén A nena e o grilo, máis aló, unha historia na que os rapaces poderán preguntarse sobre as cousas máis insólitas da vida. Tres libro discos nos que se unen música e literatura para dar pé a unhas creacións únicas e diferentes.
Outra opción diferente, un agasallo perfecto tanto para  nenos como adultos, é A revolución vertical, unha fábula de estilo clásico traducida a máis de oitenta idiomas, de Ngugi wa Thiong’o, con ilustracións de Agustín Comotto. Esta é unha homenaxe á tradición da literatura oral, un conto que narra a formación do corpo humano como unha discusión entre as súas partes.
Para os apaixoados da poesía, presentámoste tres opcións novidosas que farán estremecer a calquera que lle dedique tempo aos seus versos. Cunha perspectiva similar Óstraka, de Luís Valle e Santa Morte, de Manuel Darriba. Estas obras poéticas reflexionan sobre o fragmentario da vida e o límite do real e a desmemoria respectivamente. Máis, se o que buscas é unha suma de versos que furan o peito, Inscricións, de Carlos Callón. Un poeta mancado que fai co poema un bálsamo. Uns poemas que falan da morte, da dor, do odio, do amor. Da vida.
Galaxia tamén presenta unha colección de biografías que poden ser o mellor obsequio para o día de hoxe. Como gran novidade, Castelao. Construtor da nación, escrito por Miguel Anxo Seixas Seoane. A biografía máis exhaustiva e completa ata o momento de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega. E, en recoñecemento do galardoado polo Día das Letras Galegas 2019, Antonio Fraguas. Mestre da memoria, de Malores Villanueva Gesteira. Unha biografía que marca unha viaxe polo século XX da man de Antonio Fraguas cun estilo áxil, nun relato ateigado de anécdotas que non renuncia ao rigor documental.
En definitiva, unha selección de grandes novidades que podes consultar tamén no noso catálogo e que se convertirán no mellor agasallo para o Día do Libro. Non esperes máis e pasa a coñecer máis en profundidade estes títulos!
 
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email