"Dúas Letras" en Cotobade

Categoría: Nova

Rodeada de amigos e veciños, promovida pola Asociación Cultural "Canón de Pau" de Cotobade, na aldea de Loureiro, presentouse o libro de Fina Casalderrey e Eloy Varela: "Dúas Letras". O salón cheo de xente a rebordar. Festa rachada. Teresa Fraga, a protagonista do filme, foi a estrela. Os veciños recoñecían os lugares onde se rodou a película (o Igrexario de Loureiro e o Castelo de Lérez). A rede das asociacións culturais de base, sobre as que durante anos se construíu a resistencia da cultura galega nos momentos mais difíciles, segue activa.
Fina Casalderrey contou como se concibiu a historia, a partir de experiencias próximas, na súa infancia, coas cartas dos emigrantes. Nestas terras de Cotobade emigraban preferentemente a México, Brasil e Arxentina. O coloquio centrouse nas experiencias persoais dos asistentes. Cada quen ten a súa historia. O relato (e o filme) chegan ao corazón.
No noso blog deixamos unha completa galería de fotos dunha xornada inesquecible.

Comparte nas túas redes sociais ou por email