tinta

14,50€

mercar

Tinta

Inma López Silva

Unha selección de relatos escritos durante a primeira década do século XXI. A autora de 'Memoria de cidades sen luz' amosa nestes textos, de asunto aparentemente heteroxéneo, as teimas e paixóns dunha vocación literaria que atravesa eses dez anos cun pulo creador constante.

A literatura dunha década, un ciclo literario completo que lectoras e lectores poden percorrer ao tempo que se debruzan sobre os mundos ficcionais de Inma López Silva. Nos relatos de Tinta agroma a semente dalgunha novela xa publicada a carón do paseo, páxina a páxina, de criminais encantadores, soñadoras de toda caste, actrices tristes, caricaturas de ditadores, peregrinos loucos e fotógrafos do vento que atoparon vida na tinta xurdida da capacidade fabuladora da escritora.

Os relatos deste libro foron escritos entre os anos 2000 e 2010 malia no libro non estaren ordenados cronoloxicamente. Segundo confesa a autora, "Todos eles están xa publicados, sexa por figuraren en distintas antoloxías ou revistas, sexa por seren premiados nalgún certame literario. A súa edición nun único volume non responde a outro obxectivo ca salvalos da dispersión e, nalgúns casos, do esquecemento". Por iso, os relatos de Tinta non manteñen unha unidade nin de asunto nin de estilo; así e todo, por baixo destas "diferenzas cualitativas flagrantes" entre uns relatos e outros, lectores e lectoras han atopar como fío condutor a unidade que as teimas, as obsesións e as paixóns da autora lle outorgan. Trátase, pois, da "tinta" que correu polas veas da escritora ao longo dos dez últimos anos.

Recensións


Detalles

  • Páxinas : 160
  • Deseño : Rústica con lapelas
  • Dimensións : 135 x 210 mm.
  • Data Publicación : 2012-06-21
  • Colección : Literaria
  • Editorial : Galaxia
  • ISBN : 978-84-9865-442-4
  • Edición : 1

Noticias relacionadas



Actividades relacionadas


Novidades

o-segredo-das-burgasO segredo das burgasAndrés Pombo Graña

inma

López Silva, Inma
Inma López Silva naceu en 1978 en Santiago de Compostela. É unha das novas narradoras galegas máis destacadas. A súa novela Neve en abril gañou o Premio Rúa Nova en 1996. Seguiron os relatos de Rosas, corvos e cancións. Con Concubinas obtivo o Premio Xerais 2002. No 2007 publicou New York, New York, diario dunha estadía na cidade norteamericana, que despois foi traducido para o castelán.

Desde moi nova soubo que a literatura sería a súa canle para ver e expresar o mundo. Moi pronto, no ano 96, gaña o Premio Rúa Nova, convocado pola Biblioteca Nova 33, de Santiago. Ese primeiro froito literario sorprendeu a lectores e crítica pola madurez que evidencia unha novela que recupera o drama nunca suficientemente contado da Guerra Civil. Neve en abril foi o libro que mereceu o dito galardón e que no 2005 renace en Galaxia como libro aberto a lectores de todas as idades, tamén aqueles que están a piques de comezar o seu percorrido pola vida adulta. Inma, ademais de escritora, destaca como crítica e investigadora teatral, colaboradora habitual en numerosas publicacións periódicas e científicas. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.

Coa novela Memoria de cidades sen luz, publicada por Galaxia, obtivo o Premio Blanco Amor 2007. Posteriormente foi recoñecida co premio AELG como mellor obra de narrativa 2008 e o Arcebispo San Clemente como mellor novela en galego 2008. En 2016 recibiu o Premio Insua dos Poetas como recoñecemento aos seus 20 anos de carreira literaria.


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR