Presentación de DE VOCES CEIBES A MILLADOIRO en Ourense

Categoría: Nova

Acompañarán ao autor, Francisco Novoa, vicepresidente do Liceo, Carlos Varela, Fiscal Superior de Galicia e Pilar Sampil en representación da Editorial Galaxia.

O Salón Noble do Liceo acolle o venres, día 28 de febreiro, a presentación do libro-disco: De Voces Ceibes a Milladoiro. Unha memoria do movimento popular da canción galega (1973-1978). Será ás 20.15 horas, con entrada gratuita.
De Voces Ceibes a Milladoiro é un libro-disco no que o músico Antón Seoane analiza polo miúdo, como protagonista en primeira persoa que foi -co-fundador e compoñente de Milladoiro-, a época que vai dende a aparición da Canción Popular Galega, un movemento de cantautores, cancións protesta, música de taberna e influencias mesturadas que ían en coalición desordenada contra a longa sombra do franquismo, ata o nacemento e éxito de Milladoiro.
De Voces Ceibes a Milladoiro acompáñase dun CD no que Antón Seoane, Pilocha e Rodrigo Romaní, coa participación de Nando Casal, Bibiano Miro Casabella, X. Quintas Canella, Dónal Lunny, Harry C., Roi Casal, Manú Conde, Pancho Álvarez, Anxo Pintos, Segundo Grandío, Laura Amado, Quico de Agarimo, Natalia Zoltan e outros compañeiros de viaxe, volveron a gravar para darlle vida a cancións emblemáticas do período 1973-1978, algunhas das cales, aínda inéditas, foron rexistradas para este proxecto de 228 páxinas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email