Este mércores, 6 de marzo, chegará ás librarías o agardado regreso de Domingo Villar e do seu inspector Caldas: O último barco.

Case 800 páxinas de ritmo trepidante, a través das cales Leo Caldas descubrirá que na vida, coma no mar, a máis apracible das superficies pode agochar un fondo escuro de correntes devastadoras.

Unha mañá de outono, mentres a costa galega se recupera dos estragos dun temporal, o inspector Caldas recibe visita dun home alarmado pola ausencia da súa filla, que non se presentou a un xantar coa familia na fin de semana nin acudiu o luns a importar a súa clase de cerámica na Escola de Artes e Oficios. Mónica, a filla do doutor Andrade, vive nunha casa pintada de azul, nun lugar onde as ondas mansas contrastan co bulir da outra beira, e aínda que nada parecese alterado na súa casa nin na súa vida, Leo Caldas axiña comprobará o que agochan as aparencias.

Despois do éxito obtido coas súas anteriores novelas Ollos de auga (2006) con máis de 40.000 exemplares vendidos en galego e A praia dos afogados (2009), o regreso de Villar ás librarías era un dos máis agardados por milleiros de lectoras e lectores. Consagrado no panorama internacional da novela negra, con traducións en todo o mundo, obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento, o Premio Losada Diéguez e o do Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia; e foi finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger International en Reino Unido, do Premio Le Point du Polar Européen en Francia e do Premio da Academia Sueca de Novela Negra.

Neste mes de marzo, arrancará ademais unha xira de promoción e presentacións en Galicia que comezará o xoves 7 na Escola de Artes e Oficios ás 19:30h e que o levará á Coruña (12 de marzo), Ferrol (13 de marzo), Compostela (14 de marzo e 3 de abril) e Pontevedra (4 de abril), con moitas outras localidades aínda por confirmar.

Se aínda non o fixeches, reserva o teu exemplar!

O último barco será pubicado simultaneamente en castelán por Ediciones Siruela.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR