Libros galegos na Habana

Categoría: Nova

Galicia era a invitada de honor, igual que o ano pasado o foi Arxentina e o vindeiro ano o será Chile. Exposicións sobre a historia da cultura galega e da presenza galega en Cuba, plástica e cine, concertos e lecturas públicas ocupan algunhas das principais instalacións da Habana e o recinto da feira, situado na antiga fortaleza de La Cabaña, pola que durante quince días pasa máis de un millón de visitantes.

Arredor de 8 millóns de libros se distribúen estes días na feira, que ten un carácter itinerante. Logo de quince días na capital, o circuíto do libro se desenvolve polas principais vilas e cidades da illa. Os nenos e os mozos, sobre todo, reciben un tratamento especial, e a feira é o espazo onde anualmente se presentan as novidades. As primeiras autoridades cubanas, con representación doutros países latinoamericanos, asistiron aos actos de recepción do libro e da cultura galega, considerada como un dos sinais de identidade constitutivos da nación cubana.

Os editores galegos dispoñían de instalacións específicas, cunha contribución importante de títulos que, a prezos accesibles para o público, foron espectacularmente recibidos. Dende primeiras horas formábanse colas nos puntos de venda e mais nas salas de exposicións, dedicadas á cultura de Galicia ("O sorriso de Daniel", exposición promovida polo Consello da Cultura Galega), ilustradores e autores.

Todos os días, nun espazo especial, titulado "A tribo das letras", autores e autoras galegos leron os seus textos e participaron en coloquios en contacto con escritores cubanos. Nos teatros da cidade, coincidindo coa celebración do Festival Internacional de Jazz, actuaron músicos e orquestras (Filharmonía de Galicia). O presidente da Asemblea Cubana, o embaixador de España en Cuba e a Unión de Escritores promoveron recepcións da representación cultural de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email