20.000 leguas baixo dos mares, o clásico de aventuras de Jules Verne con parada na baía de Vigo, foi o título escollido para inaugurar a colección de Lectura Fácil da Editorial Galaxia. Cunha adaptación realizada pola Asociación Juan XXIII, que xa leva desenvolvida unha intensa actividade arredor dos clubes de lectura fácil, a creación desta nova colección ten como obxectivo incentivar a lectura en galego entre o público con dificultades lectoras transitorias ou permanentes. A Lectura Fácil diríxese a todos aqueles que teñan problemas para ler, ben porque o galego non é a súa primeira lingua, porque tivo unha alfabetización tardía ou unha escolarización deficiente; e tamén a persoas con trastornos da aprendizaxe ou diversidade funcional.
Deste xeito, Galaxia defende coa chegada ás librarías desta nova colección o dereito das persoas ao acceso á información e á cultura en galego independentemente da súa situación, e como ferramenta de empoderamento para aquelas que teñen algún tipo de diversidade funcional, tal é o caso das usuarias e usuarios da Asociación Juan XXIII de Pontevedra. Por iso, ninguén mellor ca eles para levar a cabo esta adaptación que foi coordinada polo pedagogo Diego Chapela, validada polo Club de Lectura da Asociación, e que conta con ilustracións dun dos usuarios, Miguel Rocha.
O acto de presentación tivo lugar no entorno privilexiado do Museo Meirande, onde se rende homenaxe á batalla de Rande, un dos episodios relatados en 20.000 leguas baixo dos mares. Estiveron presentes no evento o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro; a vicepresidenta da Asociación Juan XXIII, María Carmen Puga Pereiro; o coordinador de programas culturais da Asociación Juan XXIII, Diego Chapela; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR