Nace a colección Pantallas

Categoría: Nova

Nace a colección Pantallas da Editorial Galaxia coa publicación de Marcas na paisaxe o primeiro volume de Para unha historia do cinema galego, un traballo coordinado pola profesora e académica Margarita Ledo Andión.
En 2012 finalizaba o proxecto de pesquisa Cine, diversidades e redes, que versou sobre as posibilidades de circulación do cinema en lingua galega naquelas sociedades onde asentou a nosa diáspora ao longo da historia. Este proxecto descubriu tres cariátides sobre as que asentar o cinema galego: a lingua, a terra ou a paisaxe, e as migracións. Por iso, neste primeiro volume, Marcas na paisaxe, se analiza o xeito no que se filmou a terra e a idea da terra no cine da emigración, tratando as distintas concepcións do cinema nacional-popular e lembrando a contribución do cinema militante e amateur ao debate en torno da lingua na que debían ser rodadas as películas.
Unha alfaia esta que se prenderá o martes 12 de xuño na libraría NUMAX ás 20:00h. Agardámosvos!

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email