Presentouse en Compostela O colapso territorial en Galiza

Categoría: Nova

No serán de onte presentábase na libraría Couceiro de Santiago de Compostela O colapso territorial en Galicia, o libro co que Xosé Constenla gañou a XVII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, organizado pola Editorial Galaxia en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Gas Natura Fenosa.
Nunha sala ateigada de xente, o xeógrafo e cantautor presentou una obra novidosa onde se exploran as posibilidades do espazo como un concepto clave para a lóxica interpretativa da sociedade. Deste xeito, no novidoso ensaio de Constenla fóxese de lecturas exclusivamente económicas e sociolóxicas para ampliar esa ollada que entende o territorio como simple escenario. Nesta obra, que non deixa de ser un tratato de xeografía, o espazo permite analizar tres aspectos fundamentais: as agresións ao medio natural e patrimonial, a cuestión demográfica a carón do desequilibrio na distribución da poboación e a cidade cos procesos de urbanización.
Acompañando ao autor estiveron o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Francisco R. Durán; a responsable de Relacións Institucionais e Comunicación de Gas Natural Fenosa en Galicia, Amalia Baltar; o secreatrio xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email