AS NOVELAS DA MEMORIA en Gondomar

Categoría: Nova

Hoxe, ás 20.30 h, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Gondomar, John Thompson presenta o seu ensaio 'As novelas da memoria'. Estará acompañado por Xosé Lois Vilar, subdirector do Instituto de Estudos Miñoranos, e Carlos Lema, director de edicións de Galaxia.

Nesta obra, o autor fainos ver como a través das novelas pódese experimentar a forza da memoria como elemento transformador da sociedade actual. Co obxectivo de propor novos vieiros de pensamento para achegarse á historia e á memoria da Segunda República, da Guerra Civil e da ditadura, en 'As novelas da memoria' analízase a representación literaria deses acontecementos en relación coas falacias franquistas que aínda perduran. Memoria e trauma emerxen na sociedade e na ficción narrativa como pegadas espectrais xunto á problemática verbo da representación e a transmisión da Historia, o imaxinario da nación galega ou a presenza das mulleres no relato novelesco.

John Thompson (Montana, EUA, 1971) é doutor pola Universidade de Michigan e actualmente profesor titular do Departamento de Linguas Modernas da Universidade do Estado de Montana. Como investigador, dedicouse a traballar sobre a memoria da Segunda República e do fascismo e a súa representación na narrativa galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email