Cúmprense cen anos do nacemento de Ramón Piñeiro

Categoría: Nova

Coordenada polo profesor Henrique Monteagudo, apoiada por algunhas das institucions coas que Ramón Piñeiro tivo relación directa (Parlamento de Galicia e Consello da Cultura Galega) e coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Fundación Penzol e Editorial Galaxia preparan unha Fotobiografía de Ramón Piñeiro, que se presentará contra o próximo mes de novembro, coincidindo cunha serie de seminarios que se celebrarán arredor da súa significación intelectual e política.
Ramón Piñeiro López naceu en Láncara o 31 de maio de 1915 e faleceu en Santiago de Compostela o 27 de agosto de 1990. Foi unha das figuras claves do galeguismo de postguerra, personalidade sobranceira no proceso de transición á democracia e a conquista da autonomía en Galicia.
Cofundador de Editorial Galaxia en 1950 e da Fundación Penzol (1963) estas institucións promoven a lembranza da súa memoria cando se cumpren cen anos do seu nacemento. En 2009 a Real Academia Galega, na que Piñeiro ingresou no ano 1963 co discurso "A linguaxe e as linguas", lle dedicou o Día das Letras Galegas.
A súa obra literaria, aínda que non abondosa en títulos, é especialmente esixente e intensa, sempre no ámbito do pensamento e a filosofía, mais o seu labor fundamental, de enorme influencia en varias xeracións, foi socrático, sempre a prol das liberdades democráticas e o galeguismo. A súa correspondencia é amplísima, relacionada con intelectuais e políticos do seu tempo, mais tamén cos mozos e as mozas da Galicia que iniciaba a súa andaina despois da guerra.

Unha placa na rúa Xelmírez (Santiago)

O próximo sábado, ás 12 horas, descubrirase unha placa na rúa Xelmírez, número 15, en Santiago de Compostela, nun acto promovido polo Concello da cidade e pola Secretaría Xeral de Politica Lingüística.
Era o domicilio de Ramón Piñeiro, onde estaba a famosa "mesa braseiro", arredor da cal naceron moitas das iniciativas da resistencia cultural e democrática galega e galeguista, e á que acudiron personalidades de moi diferente procedencia xeográfica e mesmo ideolóxica. No ano 2009, na Casa da Cultura do Concello de Vigo, sede da Fundación Penzol, foi reinstalado, co seu mobiliario orixinal e os seus libros, este espazo significativo da cultura galega contemporánea.

Comparte nas túas redes sociais ou por email