Begoña Caamaño e Fina Casalderrey galardoadas na Noite da Edición

Categoría: Nova

Como todos os anos, os profesionais da edición galega, abeirados pola AGE, reuníronse na noite do venres, nas instalacións do Hotel Mar de Vigo, para celebrar a súa Noite da Edición na que se recoñeceron os mellores traballos editados durante o ano ao tempo que se aproveitou a ocasión para gabar o traballo dalgunhas persoas e institucións e empresas editoriais.
Fina Casalderrey recolleu de mans de Tucho Calvo, de Biblos, o recoñecemento dos editores pola súa traxectoria como escritora. 'Morgana en Esmelle', de Begoña Camanho, foi o libro gañador na categoría de ficción. A autora pontevedresa agradeceu o premio nun emocionado discurso no que explicou o longo camiño que vaii dende o seu primeiro soño de escribir un libro ata a actualidade. Pola súa banda, Begoña Caamaño agasallounos cun fermoso e intenso discurso no que puxo o acento nos vieiros percorridos antes ca ela por outras mulleres, dende Rosalía a hoxe, ao tempo que elevou a súa voz para protestar polos recortes e ataques que está a sufrir a nosa lingua.
Finalmente, Alfonso Zulueta de Haz recolleu o Premio outorgado polos editores á Fundación Penzol, entregado por Carlos del Pulgar, Director de Nova Galicia Edicións. No seu discurso de agradecemento repasou os anos de historia da Fundación dende o seu comezo nos anos sesenta do século pasado ata os nosos días centrándose, sobre todo, na fructífera etapa liderada por Francisco Fernández del Riego.
Precisamente foi don Paco quen centrou a parte final do acto, coa proxección dun vídeo de homenaxe dos editores repasando o seu traballo a prol do galeguismo e a edición.
Unha noite fructífera e feliz que demostra a vitalidade, malia os difíciles intres que estamos a pasar, da edición en galego do noso país.

Comparte nas túas redes sociais ou por email