Adiados os Premios Illa Nova e Roberto Vilar Bolaño

Categoría: Evento, Nova

Dada a excepcionalidade da situación actual, adíase o fallo do Premio de Novela Illa Nova. En canto se recupere a normalidade, anunciarase a data do mesmo.
Os tempos que estamos vivindo tamén afectan, naturalmente, ao III Premio Roberto Vilar Bolaño. Prolóngase a recepción de orixinais ata que se restableza a situación. Velaquí as bases:

  1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
  2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, aínda que hai que ter en conta que van ser interpretadas por alumnos e alumnas de entre 12 e 18 anos.
  3. Cada autor poderá presentar máis dunha obra.
  4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.
  5. O premio poderá quedar deserto se a calidade das obras presentadas non é a axeitada segundo o criterio do xurado.
  6. O PRAZO de presentación de orixinais prolóngase ata que volvamos á normalidade.
  7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto cun sobre cos datos do autor/a.
  8. O ENVÍO das obras farase a través de correo postal ao enderezo: I.E.S Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre “Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño”. O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, e dous profesionais do teatro e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas.
  9. A obra gañadora darase a coñecer cando se restableza a situación. Farase entrega do premio nun lugar que se convirá, para tal efecto, na última semana dese mes.
  10. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
  11. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.

Comparte nas túas redes sociais ou por email