A Fundación Penzol renova e amplía o seu padroado

Categoría: Nova

O fondo documental máis importante da cultura galega e do galeguismo inicia unha nova etapa con proxectos dinamizadores nestes campos. Mantendo sempre a vontade e a idea inicial do fundador de poñer o seu patrimonio ao servicio de estudosos e investigadores, preténdese unha ampliación dos seus obxectivos e dotar a institución de novos recursos (técnicos e humanos) fortalecendo as súas liñas de traballo.

Entre os novos padroeiros figuran institucións tan prestixiosas coma a Real Academia Galega e o Consello da Cultura xunto con persoas de esmerada cualificación nos eidos da biblioteconomía e da documentación ou vencelladas ao mundo da cultura na súa expresión científica e humanística.

Como consecuencia da ampliación a composición do Padroado é como segue:
Presidente: Blanca Jiménez de Penzol
Vicepresidente 1º: Alfonso Zulueta de Haz
Vicepresidente 2º: Xulio Souto Jiménez
Secretario: Antón Vidal Andión
Director da biblioteca: Francisco Fernández del Riego
Vocais: Xaime Isla Couto; Xerardo Fernández Albor; Olga Gallego; Xulián Parga Rodríguez; Benxamín Casal Vila; Xoán Bernárdez Vilar; Real Academia Galega; Consello da Cultura Galega; Ricardo Beiras García-Sabell; Mª Dolores Cabrera Iglesias; Francisco Díaz-Fierros Viqueira; Francisco Domínguez Martínez; Pedro López Gómez; Manuel Meijide Vecino; Henrique Monteagudo Romero; Pablo Sánchez Ferro.

A Comisión executiva que ten como misión o cumprimento dos acordos do Padroado e o exercicio das facultades para o mellor cumprimento dos fins fundacionais está integrada por: Alfonso Zulueta de Haz, Xulio Souto, Anton Vidal Andión, Xosé Francisco Domínguez e Ricardo Beiras, Henrique Monteagudo, ademais do Director da biblioteca, Francisco Fernández del Riego.

Ao mesmo tempo créanse tres comisións de traballo: unha, presidida por Pedro López, dirixida principalmente á actualización, renovación e dixitalización dos fondos; outra presidida por Henrique Monteagudo coa idea de dotar a Fundación dunha liña de traballo alén da conservación de fondos e investigación especializada, e unha terceira presidida por María Dolores Cabrera, coa idea de proxectar cara ao exterior o patrimonio da Fundación.

FUNDADA NO ANO 1963

A Fundación Penzol creouse no ano 1963 por aportación dun importante fondo documental e bibliográfico de FERMIN LUIS FERNÁNDEZ-PENZOL LABANDERA, rexistrador da propiedade, antigo dirixente do partido galeguista na clandestinidade, quen dedicou unha parte importante da súa vida e dos seus recursos económicos a mercar e ordenar todo canto tiña que ver coa memoria histórica e bibliográfica da cultura galega e o galeguismo.

O escritor, académico e padroeiro vitalicio Francisco Fernández del Riego –que con Xerardo Fernandez Albor son os únicos hoxe existentes- foi dende o primeiro momento e ata a actualidade director da Biblioteca da Fundación e responsable do seu mantemento, primeiro na rúa Policarpo Sanz e, posteriormente, a partir dun convenio que se estableceu co Concello de Vigo, sendo alcalde Manuel Soto Ferreiro, na actual Casa da Cultura, sede do antigo concello da cidade.

Cun fondo de varios miles de documentos, dende a Idade Media ata os nosos días, a Biblioteca Penzol constitúe a institución privada de máis rico patrimonio documental da historia da cultura galega e do galeguismo. En grandes liñas tratase dun fondo de 43.000 libros, oito coleccións completas de xornais, 2520 publicacións periódicas, 388 manuscritos, 415 de fondo antigo (libros dos séculos XVI ao XVIII), 450 de literatura gris, 1700 separatas, 100 mapas e planos, 110 teses de doutoramento, microfichas, discos, fotografías, casetes, partituras musicais, etc., ademais dunha ampla colección de folletos varios.

Comparte nas túas redes sociais ou por email