Á beira de Beiras

Categoría: Nova

Arredor dun millar de persoas calculan os organizadores que participarán na Homenaxe Nacional a Xosé Manuel Beiras, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, onde se celebrará o evento ás 12:30 horas do próximo sábado, día 17 de decembro. A entrada ao acto do Auditorio é libre, aínda que a continuación se celebrará un Xantar de Amizade nas propias dependencias do auditorio ao que asistirán 250 persoas, que xa cubriron totalmente a inscrición.

O acto, que leva por título "Á beira de Beiras", os organizadores defíneno "dende o territorio dos afectos, a admiración e os agradecementos. En certa medida, unha crónica de viaxe, tamén unha crónica sentimental, arredor dunha persoa moi querida por todos nós que se entregou e segue a entregar o seu entusiasmo e intelixencia a prol da causa de Galicia". Así empeza o limiar do libro Á beira de Beiras, que se entregará gratuitamente aos asistentes do xantar (que aboaron 50 euros para financiar os actos) e se venderá na entrada do acto público (20 euros). Arredor do xénero do ensaio e as semblanzas, o mesmo participan diversas personalidades relacionadas co galeguismo: Salomé Álvarez Blanco, Xosé María Álvarez Cáccamo, Alfonso Álvarez Gándara, Luís Álvarez Pousa, Aureli Argemí, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luís Barreiro Rivas, Justo Beramendi, Fermín Bouza, Xosé Ramón Fandiño, Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco Fernández Rei, Eduardo Galeano, Manuel Gallego Jorreto, Pilar García Negro, Fernando González Laxe, Margarita Ledo Andión, Xoán López Facal, Abel López Rodríguez, Ramón Máiz, Carlos Mella, X. L. Méndez Ferrín, Teresa Moure, Camilo Nogueira, Martiño Noriega, Mario Orjales Pita, César Portela, Xulio Ríos, Enrique Sáez Ponte, Manoel Santos, Carlos Taibo, Xavier Vence e Ramón Villares. Figuran como editores: Valentín Arias, Manuel Caamaño e Víctor F. Freixanes.

A homenaxe convoca a persoas relacionadas co galeguismo na súa dimensión máis aberta e plural, e contará cunha intervención central a cargo de Manuel Caamaño, vello compañeiro e amigo de Beiras dos tempos do primeiro PSG e do movemento de Asociacións Culturais nos anos 60 e 70, que falará en nome de todos os presentes, así como intervencións de poetas (Miguel Anxo Fernán-Vello e Xosé María Álvarez Cáccamo), xornalistas de distintas xeracións (Xosé Ramón Fandiño e Comba Campoy), e músicos: Roi Casal, Diego García, Luís Soto e Javier Vázquez Grela. Este último interpretará ao piano as 'Variacións Beiras', composición de Paulino Pereiro realizada en 1999.

Os organizadores agradecen a todos os asistentes, e moi especialmente aos medios de comunicación, a acollida e difusión desta homenaxe que coincide co próximo 40 aniversario da primeira edición de O atraso económico de Galicia (Galaxia, 1972), libro de especial relevancia no discurso cultural, intelectual e político da nación galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email