Editorial Galaxia publicará nos próximos meses unha biografía e unha antoloxía poética de Xosé María Álvarez Blázquez. Tamén recuperaremos, na colección DOMBATE, a súa obra máis significativa, Canle segredo, e varios inéditos do autor, entre eles a súa narrativa galega completa.
A figura de Xosé María Álvarez Blázquez ofrece unha chea de posibilidades: poeta, narrador (os seus relatos breves son tan pouco coñecidos como excelentes), mestre da lingua, investigador do pasado literario, arqueólogo, etnógrafo, ensaísta, publicista, editor… A familia Álvarez Blázquez, unha auténtica saga, está presente no Proxecto Galaxia dende a creación da editora en 1950. Emilio Álvarez Blázquez sobre todo participou durante anos no equipo de goberno da nosa editora. Así aparece retratado no coñecido cadro de Xohán Ledo.
Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta tamén, fillo de Xosé María Álvarez Blázquez, está a preparar unha Memoria do pai, na liña da súa exitosa Memoria de poeta (colección MEMORIA), e anotará a edición de Canle segredo, libro publicado en 1976 e escrito vinte anos antes (recibira o Premio do Centro Galego de Buenos Aires en 1954). Fixará definitivamente o texto o tamén poeta Rodríguez Baixeras.
Entre os inéditos ou textos pouco coñecidos, recuperaremos na colección LITERARIA os seus relatos breves, A pega rabilonga e outras historias de tesouros, e unha colección curiosa de aforismos e xogos de lingua que o poeta gardaba entre os seus papeis persoais: A significación dos soños.
De especial relevancia foron no seu momento as súas antoloxías Escolmas de poesía medieval (1975) e A poesía dos séculos XIV ao XIX (1959). A Álvarez Blázquez debemos algúns achádegos especialmente importantes neste campo: estudos sobre Nicomedes Pastor Díaz, Gil Vicente, Aurelio Aguirre, e a descuberta de textos dese período escuro como a égloga Belmiro e Benigno.
Como editor, Xosé María Álvarez Blázquez fundou e dirixiu proxectos como a Editorial Monterrey e Edicións Castrelos, na que sobresae a colección "O Moucho", libriños de baixo prezo e gran difusión que marcaron época nos anos 60 e 70 do pasado século. A idea de Galaxia é recuperar en edicións facsimilares aqueles títulos de "O Moucho" que, sen autoría declarada ou con pseudónimo, se deben á pluma de Álvarez Blázquez (dez títulos).
As Letras Galegas do ano 2008 ofrécennos a oportunidade non só de recuperar e coñecer un interesantísimo autor, meticuloso orfebre da lingua poética, mais tamén toda unha época: o esforzo da literatura e o libro galego por recuperar a dignidade e a modernidade no período difícil da ditadura franquista.