Xosé Antonio López Silva

Categoría: Recensión

Foi unha das cobizosas lecturas de finais de 2012, dende o momento en que souben que María López Sández obtivera o Premio de Narrativa Breve Repsol pola súa primeira novela, A forma das nubes (Vigo, Galaxia, 2012).
A traxectoria da autora como ensaísta dera como froito o seu espléndido libro Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio, (Vigo, Galaxia, 2008). Á súa enorme calidade no xénero do ensaio únese agora un talento creativo que amosa unha madurez literaria enormemente interesante.
A forma das nubes é unha novela íntima, máis que intimista, unha narración que vainos amosando cun ritmo de seu a complexidade do tecido que o tempo crea nas relacións amorosas, no afrontamento do desamor e do desengaño; con todo a narración eríxese como unha novela sobre a re-construcción persoal e a necesidade de conciliar, malia que dificultosamente, pasado e presente. Comprendermos mellor a nós mesmos supón unha responsabilidade propia, baseada en boa medida en afrontar e enfrentar o noso pasado, ao igual que fai a protagonista de A forma das nubes, cunha ollada analítica, dolorosa e revisionista, pero necesaria.
A historia comeza, nun ton minimalista que lembra ao tecido constructivo dun John Cheever, cun cruceiro e unha fascinación, a dunha rapaza de trece anos por unha famosa actriz cinematográfica da cal só sabemos, -como de boa parte dos personaxes-, a súa inicial, D. As reviravoltas do acontecido no medio do océano marcarán, dun xeito ou doutro, as decisións posteriores da protagonista e asemade, os acontecementos futuros derivados de momentos determinados nos que o tempo parece volverse eixo, unha encrucillada que obriga ás vidas a dirixirse nun sentido e non noutro.
Con todo, A forma das nubes é moito máis que un simple relato sobre o amor e o desamor, sobre o presente e o pasado. En menos dun centenar de páxinas, a narración ábrese a múltiples perspectivas, precisamente polas técnicas narrativas (elipse, antítese, paralelismos entre acontecementos e personaxes, polisemia ) coas que a autora desenvolve un tecido que se carga, así, dunha multiplicidade de sentidos que o lector terá que ir con-formando,coma se tentase identificar figuras nas nubes dun ceo azul.
Fondo e forma van intimamente vencellados no relato. María López Sández ofrécenos unha prosa sinxela, enormemente límpida, cun mínimo de recursos mais non por eso pobre, senón enormemente expresiva e evocadora. A lectura resultante, enormemente fluída, enriquécese, ademáis, cun discurso dotado de referencias intertextuais variadas onde formas literarias, pictóricas e cinematógraficas amosan a ampla cultura da autora e abren aínda máis xanelas cara un discurso suxerente, reflexivo e gorentoso. Un verdadeiro pracer de lectura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email