Xeranios nas fiestras, pombas nos tellados

Categoría: Opinión

Escribía Carlos Casares [o 22 de novembro do 2001, naquel seu dietario para La Voz de Galicia] que a edición en xaponés de O Principiño era unha boa oportunidade para falarlles aos pequenos das diferenzas, da relatividade das cousas. Por ter a capa na contracapa e por lerse “ao revés”. Non é relativo, en cambio, o esencial [o invisible aos ollos, logo]. Proba disto é a permanencia da obra de Saint-Exupéry e as súas vinte edicións en galego. Incitados pola editorial Galaxia, fomos moitos os que botamos man do Twitter para, tamén coma o principiño e nunha sorte de aproveitamento dunha emigración de paxaros salvaxes, saír do noso planeta e ir contando por que nos gustaba o libro. Fixémonos entender (ao chou?) en 140 caracteres. Incluso menos. O certame tirou dos nenos que viven, dentro ou non de codias. Con urxencia: “Por favor, píntame un año!”. O Principiño é unha obra bela (con xeranios nas fiestras, con pombas no tellado…). Non fala de números e quizais por iso non é efémera. Garda curas: has de saber que se a túa avaría che parece grande, máis importante é coñecer por que as flores levan séculos tendo espiñas sen que iso as protexa nin sequera dun año…

Coma o aviador, habemos de trabucarnos en detalles importantes, mais podemos volver a O Principiño para saber que os solpores só se dan se as condicións son favorables e que hai días de 44, tristes, pero que tamén temos lapis de cores. Galaxia foi quen de manter na actualidade a “fermosa experiencia de vida e amor” que é a obra de Exupéry. Ese é o premio, o fin cumprido. Collendo prestada unha expresión que usara Casares naquel mesmo artigo, a O Principiño, ademais, sempre queda a opción de “mirarlle os santos”. Sabendo, iso si, que un debuxo é máis que un debuxo, e que o que parece un sombreiro pode en realidade non selo. ¿Non xoga a iso, ou debería, a propia literatura?

Comparte nas túas redes sociais ou por email