Xa podes ver o vídeo de lanzamento do novo traballo de María Fumaça

Categoría: Nova

Dende a ligazón á dereita destas liñas e dende a nosa canle Sonárboretv, podes xa ver o vídeo de lanzamento do novo traballo da familia María Fumaça que titulamos, 'Xiqui Xoque, Fiú Fiú!".
Como no caso do anterior libro-disco-DVD, esta nova entrega de María Fumaça, titulada XIQUI XOQUE, FIÚ FIÚ! (así fai o tren cando vai pola vía) aglomera ao máis nutrido da música galega arredor dun proxecto que aposta pola diferenza como un xeito de ollar mellor e máis lonxe. Desta nova volta, este proxecto musical, comandado por Uxía, conta coa colaboración de excelentes músicos coma Sérgio Tannus, Isaac Palacín, Santi Cribeiro, Héctor Lorenzo, Serginho Sales ou Magín Blanco (e con colaboradores de luxo coma Carlos Blanco ou o grupo Tanxarina), ademais de toda a familia María Fumaça. Como xa aconteceu coa primeira entrega, estamos certos de que este novo libro-disco-DVD que a Editorial Galaxia publica na Colección Sonárbore, vai ser un éxito completo e que vai encher as casas e os auditorios de nenos e de nenas dispostos a cantar as cancións e a practicar as coreografías que se ofrecen no CD e no DVD. Como no caso anterior, ademais das cancións cos seus clips correspondentes, preparáronse algúns temas con pictogramas para que tamén poidan ler aquelas nenas e nenos que teñen algunha clase de dificultade e que así ninguén quede sen gozar da música e do baile e da alegría de vivir que propón, coma sempre, María Fumaça.

Comparte nas túas redes sociais ou por email