Xa podes acceder a Galaxia Tales e Galaxia Comic dende a nosa web

Categoría: Nova

Dende onte xa é posible acceder aos dous novos produtos dixitais de Galaxia dende a propia web da Editorial. Dende dous banners preparados para a ocasión, podes acceder directamente por unha banda á web xenérica do proxecto Galaxia Tales, ou á páxina da App Store que acolle Galaxia Comic. E cun par de clics acceder a todo un novo universo de lectura consorte os novos tempos que vivimos.

Galaxia Tales é unha web de contos interactivos en Rede, listos para ser visualizados e mercados dende calquera soporte que teña conexión a Internet. Unha web de contos en galego, castelán e inglés, que non só conteñen animacións, senón tamén música orixinal e locución nas tres linguas para que poidan ser gozadas de moitas maneiras. Nacen cun prezo simbólico de 2'42 euros e dende a web existe a posibilidade de, antes de mercar, visionar aproximadamente un 20 por cento de cada conto. O proxecto complétase con fondos de escritorio, láminas para colorear e extras relacionados cos autores, ilustradores e actrices de dobraxe que participan no proxecto. Neste intre, Galaxia Tales arrinca con dous contos: ‘Unha sorpresa para Goruk’ de Daniel Landesa con ilustración de María Longa e ‘Así comezaron as aventuras da Rosa dos Ventos e Xan Pericán’ de Joel Franz Rosell con ilustración de Luis Castro Enjamio.
Galaxia Comic está preparado para ser visualizado en iPad e iPhone, soportes nos que Galaxia leva traballando dende hai anos coa idea de levar a presenza do galego ao terreo da modernidade. Estamos a falar dunha aplicación en galego, castelán, inglés e coreano, que nos permitirá ler nas tablets e móbiles novelas gráficas e toda clase de produtos relacionados coa banda deseñada e que ofrecemos totalmentede balde. Por outra banda, a novela gráfica que ofertamos, ten un prezo de 2'69 euros.

Comparte nas túas redes sociais ou por email