O veleiro verde é o novo título da colección Sonárbore.
Ao igual que nos anteriores, a festa está garantida. Botamos leña á caldeira e subimos un chisco os decibelios para que nos escoiten con toda a enerxía, sen medias tintas. Con máis flow, ventos, metáis, rock rebelde, co noso Ruiguetón, e funk, sen esquecer o tradi, marca da casa. Nas paradas da viaxe atopamos nenas e nenos xogando nas prazas á pita, ás agachadas e ao trompo ou botando puntos de muiñeira, baixo a estrambótica árbore de Nadal do avó Manolo.
O noso maquinista, Ruí, medrou e, en plena adolescencia, segue a ser o que nos guía e nos dá alento para saír aos escenarios cunha nova estética, mais preservando os valores que sempre nos moveron. Notaredes que houbo unha evolución lóxica nun proxecto vivo e en constante movemento.
A dirección musical segue a cargo do xenial brasilego Sérgio Tannus quen nesta ocasión tamén se encargou da edición e as mesturas conseguindo un son depurado e brillante.
As fermosísimas ilustracións de Pablo Pastor fanse eco deste rumbo novo e reflicten á perfección o contido musical e tamén as cancións únicas de Chus Domínguez. A madriña Uxía asina ‘O veleiro verde’ que lle dá título
Tamén contamos con convidad@s de luxo que aportan luz e cores a esta nova entrega:
Guerreiros do arco da vella como o recoñecido actor e humorista Carlos Blanco que compuxo e canta a preciosa ‘Estou plof’, dedicada a Ruí e a todas as nenas e nenos que teñen un mal día. O xenial Ico (do grupo O Sonoro Maxín) agasállanos a súa forza e a defensa dos nosos xogos populares en ‘Fago o camiño’. Alfonso Pato, amigo da familia María Fumaça, guionista e director do Festival de Cans, escribiu dúas letras ben divertidas con música de Chus Domínguez: ‘A pita de Fita’ e ‘A árbore de Manolo’, dedicadas aos avós de Ruí.
O rap e o flow apórtao o colombiano A.K.A Moreno no ‘Ruiguetón’ de Magín Blanco. E da man dun dos máis pequenos da familia, Paulo Ces, a composición do fermoso Pasodobre de Bamba.
Cantamos, protestamos ben alto e ben forte, pois abonda xa de non escoitar as nosas opinións, as nosas arelas, as nosas xustas reclamacións, de non respectar a inclusión, a igualdade de xénero e o dereito a medrar nun planeta vivo, verde e con futuro.
Van chegando novas voces, mais a locomotora non para e surcar os mares a bordo dun veleiro que chegou ás nosas vidas para facernos mudar o rumbo e remover conciencias.