Que o iPad vai cambiar a maneira de achegarnos ao libro e que suporá o revulsivo que cimente as bases do consumo masivo de libros electrónicos parece ser unha predición que todos os expertos dan por certa. Que 400.000 españois, segundo cifras de Wattpad, estean xa a empregar o seu iPhone para ler libros, adiántanos que isto do ‘ebook’ non é só un soño ao máis puro estilo bradburiano, que xa está aquí e para quedarse. Proba de elo é a grande expectación que o novo dispositivo de Apple está a causar no noso país, coas reservas agotadas para a súa data de lanzamento, o 28 de maio. Mesmo os europarlamentarios non se queren quedar á marxe e no xornal ‘The Times’ anúnciase un desproporcionado gasto de cinco millóns de euros para que os 736 deputados se sintan conectados a esta nova realidade ‘fashionista’ impulsada pola compañía da mazá. Unha expectación reforzada polo anuncio da chegada en xuño de Libranda, a plataforma impulsada conxuntamente por nada menos que Santillana, Random-House Mondadori e Planeta, e que suporá non só unha nova maneira de consumir os libros, senón tamén un cambio de base nas características do negocio editorial, cunha máis que posible rebaixa do 30% con respecto aos prezos do papel e un aumento das retribucións aos creadores aínda por definir. Ata a Feira do Libro de Madrid se adapta a estes novos tempos, suprimindo unha moi cuestionada norma que ata o ano pasado prohibía a venda de libros electrónicos no seu recinto. E, pese a que as previsións de vendas con respecto aos soportes tradicionais son moderadas (entre o 3 e o 5% en cinco anos), e que aínda queda por ver se o IVE das descargas se fixará no 18%, como esixe a Unión Europea, ou no 4% aplicado actualmente ao libro en papel, todo apunta a que, parafraseando a Borges, “a literatura non é outra cousa que un soño dirixido” directamente ata as pantallas dos dispositivos dixitais.