Xa está dispoñible en todas as librerías de Galicia Flores de ferro, libro co que María Rei Vilas acadou o Premio García Barros 2020.
Cun destacado protagonismo feminino, este libro, publicado na colección Literaria de Editorial Galaxia, conta a historia de Camila. Unha muller que leva décadas vivindo unha mentira baixo a complicidade dos que a rodean. A protagonista, deberá reunir o valor para enfrontarse á verdade, neste relato onde que a intriga asolaga tanto o persoal coma o colectivo.
Camila, volve ás terras da infancia para pescudar nas orixes familiares. Regresa á vila de Briana, no verán de 1987, co fin de recompoñer a súa identidade, á vez que afronta unha complexa realidade. Alí, atoparase con Antón, o ferreiro artista que, pechado no seu mundo, arrastra a dor e a culpa dos que non souberon ver que o mal se estendía ata que foi demasiado tarde. A visita da súa neta, Helia, vivo retrato da avoa, daralle azos para contar o que durante tantos anos calou.
María Rei Vilas debuta na novela cunha historia cuns personaxes inesquecibles e unha trama onde as vítimas silenciadas poden procurar, polo menos, unhas pingas de xustiza. Aurora, Olga, Nidia… son as flores de ferro desta historia. Pero hai máis. Houbo moitas máis.
María Rei Vilas (A Laracha, 1964) é profesora de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Agra de Leborís, da súa localidade natal. Autora de libros de texto e guías didácticas relacionadas co ensino da bioloxía e a xeoloxía, Flores de ferro é a súa primeira novela.