Xa está dispoñible o primeiro capítulo de “A noite do Oso”

Categoría: Nova

Todas as persoas interesadas poderán ler o primeiro capítulo do libro gañador do Premio García Barros 2024, A noite do Oso, de Abel Tomé; premendo aquí.

Nesta obra, ambientada en 1984, a xornalista Alexandra Moure regresa dende a capital á súa vila natal para acudir ao enterro do seu avó. Os días que pasa na casa familiar son unha continua revelación para ela, onde comeza a ser consciente dos feitos que a comunidade construíu durante anos, ocultos tras o silencio. Historias de nazis, da guerra, da mitoloxía, da morte…

Alexandra irá descubrindo os segredos da aldea de Caim nunha viaxe interior onde meditará sobre o pasado, as relacións familiares e o vínculo emocional que sente con Sylvia Plath. E, todo isto, sen esquecer que, quizais, sexa ela a que arrastre o maior e terrible segredo.

Esta semana chegará a todas as librarías de Galicia.

Este venres 21 de xuño celebraremos, no Teatro Principal da Estrada, o acto de entrega ao gañador.

Acompañando o autor, estarán Gonzalo Louzao Dono, alcalde do Concello da Estrada; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; e Xosé M. Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia.

Abel Tomé (Outes, 1984) é graduado en xornalismo. En 2018 publicou A noite do corvo, a súa primeira novela, un título co que inauguraba unha triloxía que continuou con A noite do lobo, Premio Illa Nova de Narrativa 2019, e que pecha agora con esta obra. 

Recentemente publicou o libro infantil Liliam Strawberry e o paxaro da morte (2023).

Comparte nas túas redes sociais ou por email