“SÍBARIS”, de Domingo Villar, chega aos Teatros do Canal de Madrid

Categoría: Nova

Despois da exitosa xira por Galicia, SÍBARIS, a única obra teatral que escribiu Domingo Villar, representarase nos Teatros do Canal de Madrid, entre o 21 e 27 de xuño, dirixida por Lois Blanco e protagonizada por Carlos Blanco. 

Esta publicación é unha derradeira homenaxe a un dos nosos autores máis queridos.

Co fino sentido do humor que Domingo Villar destilaba, desfilan pola obra as filias e as fobias de moitas escritoras e escritores ao longo da súa carreira literaria e que teñen que ver cos medos, as inseguridades e as paranoias de todos aqueles e aquelas que se dedican a escribir. Trátase dunha reflexión aguda, cómica, ás veces despiadada mais sempre lúcida, arredor da literatura e todo o que a rodea.

Os seguidores do creador do detective Leo Caldas accederán aquí a un Domingo Villar poliédrico que era moito máis que un construtor de tramas policiais como xa quedara demostrado no delicado “Algúns contos completos” que a Editorial Galaxia publicou en 2021 e que tanto éxito de público e crítica alcanzou. Non existen dúbidas de que con esta achega ao mundo do teatro, Domingo Villar seguirá facendo o mesmo que fixo durante a súa corta mais fecunda vida: seducir lectoras e lectores para a literatura galega.

Domingo Villar (Vigo, 1971 – 2022) Coa súa primeira novela, Ollos de auga (2006) iniciou a serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. A segunda, A praia dos afogados (2009), supuxo a súa consagración no panorama internacional da novela negra con traducións en todo o mundo. Coas súas obras obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento, o Premio Losada Diéguez e o do Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia, ademais dos premios Sintagma e Brigada 21. Foi finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger International en Reino Unido, do Premio Le Point du Polar Européen en Francia e do Premio da Academia Sueca de Novela Negra.

Comparte nas túas redes sociais ou por email