Editorial Galaxia iniciou, hai 20 anos, a publicación da obra xornalística de Carlos Casares, reunindo nos distintos volumes os artigos que o autor publicou diariamente en La Voz de Galicia entre 1993 e 2002, baixo o título Á marxe.
Eses textos, cita obrigada para milleiros de lectores durante anos, destacan pola súa precisión, talento, eficacia expresiva, orixinalidade e vontade de estilo. Lonxe de ser pezas illadas, conforman un dietario persoal, no que a vida discorre como un fluxo continuo.
A obra xornalística de Casares debe entenderse como unha proposta literaria unitaria, instalada no discurso do seu tempo. Lida no seu conxunto, Á marxe funciona como unha novela aberta, un dos exemplos máis sobranceiros desta dimensión da súa escrita.
Actualmente está dispoñible unha promoción especial que permite adquirir os 10 títulos da colección cun 55 % de desconto, en formato ebook, a través de Google Play Libros. Podedes mercalos premendo aquí.