A última hora de onte recibíamos no noso almacén os exemplares de Síbaris, a obra póstuma de Domingo Villar. O libro porase á venda o vindeiro 13 de setembro e estará presente en todas as librarías de Galicia. Domingo Villar deixou preparado o libro para a súa publicación este ano. Será unha derradeira homenaxe a un dos nosos autores máis queridos.
Inma López Silva é a autora do limiar que comeza recuperando unhas conversas de whatsapp entre ela e Domingo Villar sobre a obra. O autor pedíalle que a lese e aclaraba que o único que buscaba era proporcionarlle ao público unhas horas de entretemento. E abofé que o consegue. Quen se achegue a esta obra lerá unha historia chea de retranca, sabedoría e moita comicidade arredor da literatura e as teimas dos autores. Será, sen dúbida, un acontecemento literario.
A obra estrearase en Vigo o vindeiro día 30 de setembro co actor Carlos Blanco de protagonista.